30-X: manifestacións en cidades galegas na defensa das pensións

Os sindicatos CUT, CGT, STEG, Ferroviario, da Elevación e Prosagap chaman a sociedade galega a se mobilizar para evitar “que se normalicen os recortes impostos coa escusa da crise”.

MANI PENSIÓNS CUT

30 de xaneiro haberá manifestacións na Coruña, en Compostela e en Vigo ás 19:30 horas en defensa das pensións, convocadas polos sindicatos CUT, CGT, STEG, o Sindicato Ferroviario, o Sindicato da Elevación e o Prosagap. Estas organziacións considera que consideran que “non podemos admitir que se normalicen e se consoliden as consecuencias das nefastas políticas capitalistas e austericidas que se nos impuxeron coa escusa da crise para salvar aos poderes económicos das súas propias decisión voraces e insaciables de acumulación de poder e de diñeiro”.

Así o expuxeron na mañá desta quinta feira perante as portas do Parlamento galego, na presentación do manifesto co que convocan as manifestacións, no que indican que “malia que intenten vendernos que a estafa da crise xa remitiu e que a economía vai ben para intentar instaurar unha normalidade social inexistente, a realidade é moi diferente. A clase traballadora continúa a pagar as consecuencias desa estafa, a sufrir a precariedade laboral, a ver perigar as pensións presentes e futuras, a ser desafiuzada das súas vivendas, a padecer os recortes na sanidade, na educación, nos servizo públicos en xeral”.

Por iso, segundo recollen no manifesto, “é imprescindíbel a mobilización do conxunto da sociedade e, sobre todo, das traballadoras e traballadores, das pensionistas, das estudantes, das persoas desempregadas”. 

Explican que o 30 de xaneiro iniciarán un período de mobilizacións por toda Galiza, con manifestacións en Vigo, Compostela e A Coruña, co obxectivo de “esixir a derrogación dos recortes nas pensións das reformas de 2011 e 2013, retornando á xubilación ordinaria aos 65 anos, á xubilación anticipada aos 61, con 30 anos de cotización, reducindo as penalizacións, eliminando o factor de sostinibilidade, garantindo a revalorización das pensións polo menos co IPC e establecendo unha pensión mínima de 1080 euros, entre outras medidas que as pensionistas están reivindicando con forza en Galicia e no conxunto do Estado”.  

Tamén chaman á mobilización para esixir a derrogación das reformas laborais.

Comentarios