Estudo sobre ingresos salariais

30% dos traballadores en Galiza non chega ao salario mínimo, cinco puntos máis que no inicio da crise

O informe da CIG constata que se consolida no mercado laboral galego a figura do traballador pobre, ao tempo que avanza a precariedade, diminúe o poder adquisitivo e increméntanse as desigualdades.

traballo obreiro traballadores emprego

O Estudo sobre ingresos salariais de 2016 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG constata o avance de precariedade laboral, o incremento das desigualdades entre persoas asalariadas e a importante perda de poder adquisitivo da poboación do noso país nestes anos. Estas son algunas das conclusións deste informe, realizado  a partir de datos oficiais da Axencia Tributaria. Uns datos que se compararon cos de 2009 para poder ter una imaxe do acontecido nestes anos.

Así, e analizando as persoas asalariadas en función dos seus ingresos constátase que o único colectivo de asalariados  que medrou foi o daqueles que percibiron menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Ao mesmo tempo, este colectivo veu reducidos os seus ingresos respecto ao ano 2009. De feito, agora apenas superan os 1.800 euros brutos ao ano, cando daquela eran 1.900 euros.

“Hai unha polarización entre as persoas asalariadas en Galiza moi elevada que se incrementou desde o ano 2009. Daquela un asalariado do colectivo de maiores ingresos equivalía a 66 dos de menores ingresos. Agora a equivalencia é de 1 a 91”

Pola contra, o colectivo de maiores ingresos -aqueles que ingresan máis de 10 veces o SMI- reduciuse en número máis  o seu salario aumentou en 30%. Galiza é, após Madrid, onde este colectivo ten os ingresos máis elevados do Estado. “Hai unha polarización, polo tanto, entre as persoas asalariadas en Galiza moi elevada que se incrementou desde o ano 2009. Daquela un asalariado deste grupo de maiores ingresos equivalía a 66 dos de menores ingresos. No ano 2016 a equivalencia é de 1 a 91”, afirma López Gromaz, responsábel do gabinete da CIG..

Aliás, 30% da poboación asalariada non acadou o SMI en 2016 cando en 2009 era menos do 26%. Nestes anos de crise aumentou en case 5 puntos.

Salarios máis baixos

A rama de actividade marca diferenzas e traballar nunha ou noutra pode supor gañar máis do triple. As de maiores ingresos son as entidades financeiras e o sector enerxético. Aquí reduciuse o salario medio con respecto ao ano 2009 e reduciuse tamén o número de traballadores. Pola contra, nas ramas de actividade de menores ingresos, que son outros servizos e ocio e lecer, é onde máis aumentou o número de traballadores. Hai 23.000 persoas asalariadas máis que en 2009 e, porén, é onde máis se reduciron os ingresos medios.

Renato Núñez,  secretario confederal de Servizos e Afiliación,  denunciou o asentamento e consolidación no noso mercado laboral da figura do traballado pobre, unha persoa que malia estar traballando ten uns ingresos que non lle permiten cubrir nin as súas necesidades nin as da súa familia. “Isto contradí o establecido no artigo 35 da Constitución Española que tanto defenden, que se utiliza para outras cousas, pero para garantir os dereitos das traballadoras e traballadores non”.

Núñez subliñou ademais que nesta categoría está fundamentalmente a xente moza. “Son quen máis sofren a aplicación da reforma laboral de 2012 e as posteriores” asegurou.

Comentarios