30 asociacións pesqueiras da Galiza fan fronte contra o feche de caladoiros

Até 30 asociacións pesqueiras da Galiza selaron esta terza feira un manifesto en defensa do sector pesqueiro fronte á decisión da Comisión Europea de fechar 94 zonas onde pesca a frota do Gran Sol. O 'Manifesto en defensa da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas' defende unha "cohabitación pacífica" entre as políticas pesqueiras e as ambientais. 
A lectura do manifesto en defensa da pesca tivo lugar onte no Museo do Pobo Galego. (Foto: Arxina)
photo_camera A lectura do manifesto en defensa da pesca tivo lugar esta terza feira no Museo do Pobo Galego. (Foto: Arxina)

Unha trintena de asociacións pesqueiras da Galiza selaron un manifesto en defensa do sector para mostrar o seu rexeitamento á intención da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 94 zonas de augas comunitarias.

A sala de Pesca do Museo do Pobo Galego foi o lugar elixido para amosar a unión do sector ao redor do 'Manifesto en defensa da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas'.

A xerente da cooperativa de armadores de Ribeira, María José Casais, foi a encargada de ler este manifesto nun acto simbólico con representantes das asociacións asinantes, entre as que se atopan a Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Pescagalicia ou a Asociación de Armadores de Cerco da Galiza (Acerga).

O texto censura que a política ambiental "vai aos poucos impóndose" á pesqueira, de forma que considera a proposta de Bruxelas do veto á pesca de fondo en case un centenar de áreas como un "exemplo do que non se debe facer".

Así, advirte de que a conservación do ambiente mariño "non se pode facer en detrimento" do sector pesqueiro. De feito, incide en que a proteína de orixe mariña ten "unha pegada de carbono máis reducida que a maioría dos sistemas de produción de alimentos".

De tal modo, avógase por unha "cohabitación pacífica" entre as políticas pesqueiras e ambientais, pois se incide na importancia socioeconómica desta actividade en zonas periféricas como a Galiza.

"Vemos con crecente preocupación como a actividade pesqueira está a ser progresivamente acantonada en beneficio doutros obxectivos como o desenvolvemento enerxético, en particular os relacionados coa conservación do medio ambiente", afírmase.

"A industria da pesca quere ser e seguir sendo o que hoxe é: parte da solución ao cambio climático, non parte do problema, mais para iso necesita os instrumentos adecuados", advirte o manifesto. "A nós impórtanos a pesca, non nos conformamos con mirar para outro lado ante os seus problemas", agrega o manifesto.

"Exiximos que a Comisión Europea continúe defendendo ao conxunto do seu sector pesqueiro contra quen quere acantonalo con intereses pouco transparentes", conclúe a declaración do sector pesqueiro.

Veto a 94 zonas de pesca

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, en declaracións a Nós Diario, explicou que a decisión que propón a Comisión Europea "supón o feche de 94 zonas de pesca onde traballamos barcos" de diferentes artes como "o arrastre, o palangre de fondo ou a volanta".

A razón que aducen, afirmou Pérez, é "que queren coidar a biodiversidade, o planeta e os fondos mariños" mais, replicou, "non teñen ningún estudo científico". "É un ataque directo á pesca que non ten nome", proseguiu o presidente da Federación Galega de Confrarías.

"Non saben a repercusión que isto vai traer nin os postos de traballo que se van perder, non soamente directos senón que tamén indirectos, isto é todo unha cadea, vanse ver afectados efectos navais, transportes e envasado", laiouse Pérez, quen explicou que "desde o golfo de Cádiz até a parte norte de Irlanda, que é onde pretende fechar a Comisión Europea, é onde traballamos a frota do Gran Sol". "Se non podemos traballar aí, toda a frota do Gran Sol vaise ter que desprazar para outras zonas onde xa traballan outros barcos e isto vai a supor un caos", explicou.

"Xa nos están arruinando con medidas como a das cotas da pescada, da que levamos sufrindo anos a súa rebaixa, e agora recoñecen que estaban equivocados e que tiñan que ter aumentado 71% máis", con estas decisións están actuando do mesmo modo, concluíu Pérez, ao tempo que confirmou que o sector está en conversa con frotas doutros Estados para estabelecer unha fronte común contra esta decisión.

Comentarios