94 empresas galegas solicitaron un ERTE no último mes

Só nos últimos dous días rexistráronse 26 peticións, e desde o sector apuntan que están en risco até 100.000 postos de traballo vencellados á cadea alimentaria.
A madeireira Finsa solicitou un ERTE que afecta máis de 1.200 persoas (Foto: Finsa).
photo_camera A madeireira Finsa solicitou un ERTE que afecta case 1.300 persoas (Foto: Finsa).

Un total de 26 empresas solicitaron un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) nos últimos dous días na Galiza, o que fai un total de 94 solicitudes rexistradas desde o 25 de febreiro, cando comezou a invasión rusa de Ucraína.

Delas, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Emprego, 85 foron expedientes por causas económicas, técnicas, organizativas e produtivas (etop) e nove por causa de forza maior, é dicir, relacionados de forma directa coa folga do transporte, de maneira que a empresa ten que acreditar a parada da produción por mor da falta de materias primas.

Segundo as mesmas fontes, algúns dos sectores máis afectados son hostalaría, automoción, construción, alimentación, pesca, transporte, metalurxia, industria da madeira e comercio.

Precisamente, esta quinta feira asinouse un dos ERTE de maior impacto en empresas galegas, o da madeireira Finsa, que afecta un total de 1.295 persoas que traballan nas liñas de produción das catro fábricas galegas —Compostela, Padrón, Rábade e Ourense—.

O expediente inclúe un complemento salarial de 90%. Por circunscricións, a de Pontevedra fica á cabeza, con 49 solicitudes de ERTE, seguida da Coruña, con 29; Ourense, con dez, e Lugo, con seis.

O impacto do paro do transporte esténdese por diferentes sectores. Ferroatlántica parou a súa fábrica de Arteixo por falta de materias primas, mentres que a conserveira Calvo cumpriu esta cuarta feira a última das tres xornadas de parada polo mesmo motivo.

Pola súa parte, Agaca e a Agrupación industrial Alimentaria da Galiza (Clusaga) alertaron esta semana de que a situación na cadea agroalimentaria "xa é, nestes momentos, insostíbel", con perigo para 100.000 empregos, mentres que a frota galega permaneceu amarrada por terceiro día.

Comentarios