luns 13.07.2020

A Mariña mobilízase polo futuro de Alcoa

Máis de 20.000 persoas secundaron este domingo en Viveiro a manifestación convocada polo cadro de persoal da planta de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, en contra dos máis de 500 despedimentos previstos pola empresa e polo mantemendo do emprego no que é o motor económico da Mariña.
Unhas 25.000 persoas, segundo o persoal convocante, apoiou a protesta contra o desmantelamento de Alcoa (Europa Press)
Unhas 25.000 persoas, segundo o persoal convocante, apoiou a protesta contra o desmantelamento de Alcoa (Europa Press)

A mobilización foi, en palabras de José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, "un éxito rotundo", que cifrou en 25.000 participantes. A Policía Municipal estima que unhas 17.000 persoas responderon ao chamado dos traballadores de Alcoa. "Todos os políticos puideron ver o que reclama a xente e a necesidade e urxencia de buscar unha solución a isto", indicou o presidente, quen salientou o ambiente "moi bo", familiar, con moita "alegría, unión e cánticos".

Familias completas, persoal de Alcoa e das súas auxiliares e outras persoas afectadas e conscientes da situación da factoría percorreron Viveiro, onde tamén houbo representación política, para acabar fronte ao concello da localidade pedindo unha "solución" para a enerxía.

Tras a cabeceira da manifestación conformada polo comité de empresa, toda A Mariña seguiu os seus pasos para mostrar o apoio, ao que tamén se sumaron líderes das distintas organizacións políticas.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou o compromiso do PSOE galego a "buscar unha solución definitiva" para a industria da Mariña "ao mando dun Goberno progresista", tras as eleccións do próximo 12 de xullo ao Parlamento galego, e apuntou á "responsabilidade social corporativa" que a empresa debería ter, despois de recibir axudas por "centos de millóns de euros durante anos".

É hora de que cumpra", engadiu Caballero á vez que sinalou que "é necesario que a empresa tamén teña toda a presión política, social e económica" para que "asuma unha rectificación dunha decisión que é improcedente.

Aademais de apelar á responsabilidade da empresa, Caballero tamén se dirixiu á Xunta, para lembrar que o Goberno galego "ten plenas competencias" en materia de Industria e que Feixoo ten que "empezar a ser parte da solución". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que o futuro de Alcoa en San Cibrao "pasa irremediabelmente por unha intervención pública entre a Xunta e do Estado". A portavoz nacionalista desprazouse até Viveiro en apoio do persoal, onde exixiu "un novo marco enerxético no que os galegos e as galegas teñamos garantido unha tarifa que rebaixe o prezo da enerxía".

"É un escándalo que nin a Xunta nin o Goberno móvanse para defender unha alternativa viable. Hai unha solución que é política, a única decisión que pode salvar o emprego en Alcoa é a nacionalización desta fábrica e unha tarifa eléctrica galega que poña fin ao espolio da enerxía", salientou, cargando a responsabilidade desta situación "nos dirixentes do Partido Popular que puxeron en marcha un marco eléctrico que é unha ruína para Galiza".

 Desde a CIG, o seu secretario xeral, Paulo Carril, tamén presente na multitudineria protesta, reclamou aos Gobernos central e galego que "non fagan oídos xordos" ao "clamor popular" amosado esta mañá en Viveiro. O seu secretario xeral e urxiunos a "asumir as súas responsabilidades e actúar no inmediato para paralizar os plans de desmantelamento de Alcoa" . "Canto máis tempo tarden os Gobernos en actuar, máis se dificultará unha saída en positivo", avisou.

Tamén, dirixente do sindicato nacionalista sinalou a necesidade de "recuperar" a través dun Real Decreto a "autorización administrativa dos ERE tal e como existía antes da reforma laboral do PP", e subliñou a "urxencia" de aprobar medidas que senten as bases dunha tarifa industrial estable, predicíbel e competitiva para "facilitar a viabilidade da fábrica e do conxunto da industria electrointensiva do país".

Para esta forza sindical, é preciso estabelecer unha tarifa propia e, neste sentido, Carril criticou a "actitude obstrucionista do Goberno do PP na Xunta nestes anos, por negarse a asumir a ILP pola tarifa eléctrica galega, argumentando que non sería beneficioso para Galiza ter unha tarifa diferenciada". "Hoxe estariamos nunha posición máis vantaxosa para afrontar a ofensiva de Alcoa, defender os postos de traballo e a capacidade produtiva", considerou o secretario xeral da CIG.

Ao remate da conferencia de presidentes celebrada este domingo de forma telemática, Feixoo expresou o seu "compromiso con todos os traballadores" e dixo que espera que o Goberno central "non siga atrasando unha solución" con respecto ao prezo enerxético da industria.

comentarios