CC OO e UXT apostan no diálogo social

As marchas da CIG lideran o 1M na Galiza

Miles de traballadoras e traballadores marcharon na Galiza neste 1 de maio. Fixérono contra as políticas neoliberais e anti-obreiras do PP. A marcha máis numerosa foi, con moito, a nacional da CIG en Vigo, con por volta de 15.000 persoas. A central nacionalista voltou a reclamar soberanía para o país e a defender que existen condicións obxectivas para ir a unha greve xeral, mentres CC OO e UXT, con abundancia de bandeiras republicanas, reiteraron a súa aposta no diálogo social.

Manifestación central CIG en Vigo, 1 de maio de 2017. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cabeceira da marcha da CIG

Novo Primeiro de Maio e novas mobilizacións nas rúas da Galiza para denunciar as políticas antisociais do Partido Popular, no goberno en Monte Pío e na Moncloa. Mais unha vez, foi a CIG a central que se distinguiu pola súa maior capacidade mobilizadora. A súa manifestación nacional, a de Vigo, foi a que rexistou maior afluencia en toda a nación, por volta de 15 mil persoas.

As palabras de orde este 1 de Maio espellaban non só a denuncia das políticas neoliberais -e no caso concreto da CIG, a apelación a un marco de soberanía-, senón tamén o estado de indignación no seo da clase traballadora galega perante os fenómenos de corrupción que atinxen o PP. 

"Coa CIG na rúa/a loita continúa" ou "Postos de Traballo na nosa terra" foron algunhas das consignas coreadas nas marchas da CIG, en tanto que nas marchas conxuntas de CC OO e UXT se escoitaron cánticos do estilo de "Ilegalizar o Partido Popular". Nas convocatorias da CXT e CUT -claramente as máis minoritarias- as e os manifestantes lanzaron berros tais como "Non pode ser/non pode ser/obreiros na cadea/e os corruptos no poder".

15.000 en Vigo coa CIG/4.000 na Coruña con CC OO e UXT

A marcha máis masiva foi a nacional da CIG en Vigo, a manifestación en que Suso Seixo, secretario xeral da central nacionalista, voltou a defender que existen condicións obxectivas para convocar unha greve xeral. Esa convocatoria reuniu por volta de 15.000 persoas.

Moito menos concorrida foi a cita de CC OO e UXT na Coruña, a súa marcha nacional, con arredor de 4.000 persoas, e apelos a un pacto social que reverta as reformas anti-sociais dos últimos anos.

De feito a CIG na Coruña, e era unha manifestación de carácter comarcal, convocou practicamente o mesmo número de persoas que as dúas centrais estatais xuntas.

Comentarios