19 de xuño, greve xeral

CIG convoca xornada de paro de 24 horas no noso país perante a situación de "emerxencia social e nacional". Empraza CCOO e UXT a que fagan parte desa mobilización contra o empobrecemento e a precariedade, e pola recuperación de dereitos. 

Folga xeral do 29-M. Mobilización en Vigo [Imaxe: CIG]
photo_camera Folga xeral do 29 marzo de 2012. Mobilización en Vigo [Imaxe: CIG]

Galiza vivirá o vindeiro 19 de xuño, terza feira, unha greve xeral. Será a quinta desde 2010. “É a resposta necesaria ante o que estamos a vivir”, mantén a CIG, sindicato que dá o paso de convocar este paro, cuxa data anunciou neste Primeiro de Maio o seu secretario xeral, Paulo Carril.

Carril defendeu a "necesidade de intensificar a mobilización social perante o empobrecemento xeralizado" e a situación laboral e social provocada por medidas como as reformas laborais ou o recorte de liberdades e dereitos. "O Primeiro de Maio ten que ir no camiño de intensificar [as mobilizacións] de cara a unha folga xeral", sinalou o secretario xeral da CIG.

Carril tamén emprazou CCOO e UXT a se sumar a este paro, "a que estean á altura das circunstancias", e a que mesmo o paro "sexa no conxunto do Estado" español.

A situación de empobrecemento “xeralizado”, o aumento das desigualdades sociais, os recortes en dereitos e liberdades, a precariedade, a emigración, o recorte nas pensións… son causas abondo para o sindicato nacionalista para convocar una greve. Un paro contra a pobreza e precariedade e pola recuperación de dereitos,

A mediados do pasado mes de abril CIG remitiu unha carta ás direccións de UGT e CCOO en Galiza e ás súas respectivas direccións estatais emprazando a ambas centrais sindicais a iniciar un debate “serio e sosegado no que analizar as propostas reivindicativas e un calendario de actuacións que leven á convocatoria inmediata dunha folga xeral na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno para a clase traballadora”. Un paso que o sindicato nacionalista deu após as asembleas de delegados e delegadas da CIG por todas as comarcas e nas que se constatou que “sobran as razón” para un paro.

Esta terza feira no programa Galicia por Diante da Radio Galega, o secretario xeral de UXT Galiza, J.A Gómez, afirmaba que: "En Galiza só non tería sentido [una greve xeral], sería un desgaste". De por parte, Ramón Sarmiento, de CCOO, manifestaba a este respecto que "debemos buscar camiños para unha resposta unitaria". 

Comentarios