mércores 25/11/20

181.307 galegas e galegos, no desemprego

A suba das listaxes do paro no mes de outubro duplica na Galiza a media estatal.
O sector servizos encabeza a destrución de emprego na Galiza. (Foto: Europa Press)
O sector servizos encabeza a destrución de emprego na Galiza. (Foto: Europa Press)

O número de persoas rexistradas nas oficinas do Servizo Galego de Colocación aumentou en 4.733 no mes de outubro, polo que o número total de persoas desempregadas na Galiza situouse en 181.307. Segundo os datos achegados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, o desemprego medrou na totalidade das circunscricións galegas, cunha suba de 2,58% en Pontevedra e de 2,22% na Coruña. Porén, a maior alza produciuse en Ourense, cun ascenso de 3,58%, e en Lugo, con 3,67%. Na mesma liña, as cifras do Goberno estatal indican que Galiza ten 17.000 desempregados máis que hai un ano, o que implica unha alza na poboación non ocupada de 10,35%.

A destrución do emprego no mes pasado no territorio galego duplicou a media estatal. Mentres na Galiza o número de desempregadas e desempregados aumentou en 2,68%, a suba no conxunto estatal situouse en 1,3%, rexistrando o país a sétima maior suba en termos absolutos, só por detrás de Andalucía, Canarias, Catalunya, Castela A Mancha, Madrid e Castela e León. Ao tempo, o Ministerio Traballo e Economía Social sinalou que no mes de setembro 53.102 persoas solicitaron prestacións por desemprego, recoñecendo que 113.534 galegos e galegos son beneficiarios deste tipo de axudas, cuxa contía media se sitúa en 741,7 euros.

A caída do emprego foi desigual en función da actividade económica. Así, existen 401 persoas desempregadas máis na agricultura, até sumar 6.672; 155 máis na industria, alcanzando as 19.048; 116 máis na construción, até representar 13.457, e 3.698 máis no sector servizos, que acumula 125.889.

A hostalaría encabezou a destrución de emprego no sector servizos; porén a caída da ocupación destacou, tamén, no conxunto de actividades dependentes do sector turístico e do comercio retallista. Na mesma liña, reduciuse o número dos contratos en 12,10% en relación ao mes de setembro e en 31,06% a respecto de outubro do pasado ano, acadando 90,82% deles o carácter de temporais.

As organizacións sindicais cualificaron de “moi preocupantes” os datos polo aumento do desemprego e porque as novas contratacións son “case todas temporais”. 

A CIG sinalou que “estamos diante dunha situación moi preocupante porque o desemprego non deixa de se incrementar sen que se articulen medidas que permitan reverter a situación e paliar o crecemento da pobreza e da exclusión social”. O seu secretario en materia de emprego, Fran Cartelle, criticou que a Xunta da Galiza “segue ausente, sen arbitrar medida ningunha de protección diante do gravísimo deterioro das condicións de vida das galegas e galegos e incapaz de articular políticas que freen a destrución de emprego”.

Desde a UXT demandaron “máis protección social” e “destinar os fondos europeos a transformar o modelo produtivo”. Pola súa banda, a portavoz de emprego de CCOO, Maica Bouza, amosou a súa “preocupación” e pediu  manter “o apoio” ás persoas que carecen de ingresos e facilidades para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal” diante do escenario que se poida crear a raíz dos confinamentos.

comentarios