Un 1º de maio contra a explotación e o empobrecemento da clase traballadora

A CIG chama a se mobilizar no Día Clase Traballadora para reclamar "outro modelo máis xusto, solidario e democrático" e denunciar a "precariedade laboral, a pobreza e o desemprego". 

Folga xeral do 29-M. Mobilización en Vigo [Imaxe: CIG]
photo_camera Folga xeral do 29-M. Mobilización en Vigo [Imaxe: CIG]

Como cada 1º de maio as centrais sindicais sairán ás rúas no Dia da Clase Traballadora. As políticas de recortes, a precarización das condicións de traballo e a perda de dereitos sociais e laborais centran as convocatorias. 

Neste senso, desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) chaman a se mobilizar baixo o lema Contra a explotación e a pobreza, fagámoslle fronte á UE. Organización, loita e soberania. A central sindical nacionalista quere aproveitar a data para denunciar nas rúas de Galiza o perto de medio millón de persoas que se sitúan baixo o limiar da pobreza e as 150 familias que cada mes perden a súa vivenda. 

Emigración e desemprego

Aliás, desde a CIG queren focar a ollada neste 1º de maio no éxodo xuvenil masivo que atinxe Galiza nos últimos 5 anos e que, segundo o INE, deita cifras alarmantes nas que máis de 118.000 persoas menores de 34 anos tiveron que abandonar o país na procura dun posto de traballo. Moz@s que se suman ás máis de 280 mil que se atopan no desemprego (o 22%). 

Para a central sindical estes dados "históricos" son o resultado das "políticas promovidas desde a Unión Europea, coa colaboración da Xunta de Galiza e do Goberno Español" e que están a "estrangular a economía galega" e os seus sectores produtivos. Aliás, subliñan, a perda de dereitos laborais e sociais que supuxeron as sucesivas reformas laborais tradúcense  no incremento de beneficios e poder para a patronal face o empobrecemento da clase traballadora. Ao tempo, remarcan, a resposta dos gobernos do PP á contestación social que rexeita nas rúas as súas políticas é "a represión" e o "recorte de liberdades públicas" através da reforma do Código Penal e a Lei de Seguridade Cidadá. 

Así pois, desde a CIG chaman a reaxir colectivamente contra "este sistema socioeconómico capitalista, na procura da conquista doutro modelo de organización económica e social máis xusto, solidario e democrático, que garanta un reparto igualitario da riqueza e que sexa respectuoso co dereito á liberdade e soberanía de todas as nacións, incluída a galega". Unha loita que, subliñan, debe ser "solidaria" entre a clase traballadora de todo o mundo desde unha óptica propia e baseada na auto-organización. 

A CIG convoca 12 manifestacións por todo o país. 

Hora e lugares

Vigo: Ás 11,30h. na Doblada

A Coruña: Ás 12,00h na Praza de Vigo

Pontevedra: Ás 12,00h. Praza da Ferrería

Vilagarcía: Ás 12,00h. na Casa do Mar

A Estrada: Ás 12,00h. na Praza do Mercado

Ferrol: Ás 11,30h. Av. de Esteiro (local CIG)

Compostela: 12,30h. na Praza Roxa

Ribeira: Ás 12,00h. na Praza do Peixe

Lugo: Ás 12,00h. Ronda da Muralla (Edificio Sindical)

Ourense: Ás 12,00h. Pavillón dos Remedios

Cervo: Ás 12,30h diante da fábrica de Sargadelos

Cangas: As 19h. Praza do Concello

Mobilizacións do''sindicalismo alternativo''

O primeiro de maio varias cidades galegas acolléran mobilizacións convocadas por sindicatos “alternativos e de clase”. Así, en Compostela manifestaranse a CUT e a CNT baixo o lema 'Liberdade, loita e dignidade. Pola defensa das nosas vidas”. Tras a manife haberá un xantar popular no Barrio de Abaixo (de chover, no local social O Pichel). En Vigo, a marcha está organizada, para alén das 2 centrais mencionadas en Compostela, pola CGT, o STEG e o Sindicato de Xornalistas de Galiza, entre outros. En Ourense hai unha convocatoria do denominado Bloque Crítico (CUT, CNT, CGT, Asemblea Estudantil, 15M).

Horas e lugares:

Compostela. 12:30 Porta do Camiño

Vigo. 11:00 Praza Fernando o Católico

A Coruña.12:30 Praza de Pontevedra

CC.OO e UGT marcharán polo emprego de calidade

Da mesma maneira, CC.OO e UGT convocan de maneira conxunta 10 mobilizacións coincidindo co Día da Clase Traballadora. As organizacións sindicais chaman a cidadanía a respostar de maneira "masiva" contra os recortes e a defenderen "emprego de calidade, máis cohesión social e máis democracia". Os secretarios xerais de ambos os dous sindicatos denunciaron as consecuencias sociais da política económica dos gobernos español e galego e sumáronse á proposta presentada pola Confederación Europea de Sindicatos (CES) no que defenden un plan de investimentos "en sectores clave como a enerxía, redes, infraestruturas de transporte e telecomunicacións, educación e formación, investigación, servizos públicos ou vivenda social, entre outros" que posibilitaria, din, a creación de 11 millóns de postos de traballo na UE. 

Manifestacións (lugares e horas de saída)

A Coruña
praza da Palloza ás 12:00

Ferrol
praza do Inferniño ás 12:00

Santiago de Compostela
Alameda ás 12:00

Lugo
sede sindical (rolda da Muralla) ás 12:30

Viveiro
casa sindical ás 12:30

Ourense
pavillón dos Remedios ás 11:30

Vilagarcía de Arousa
praza de Ravella ás 12:00

Pontevedra
praza da Peregrina ás 12:00

Vigo
cruzamento Vía Norte/Urzáiz ás 11:30

Comentarios