061 denuncia que a 148 ambulancias picáronlle as rodas na terceira quenda de greve do sector

O 061 informa que a 148 ambulancias lle foron picadas as rodas na terceira quenda de greve. O sector cualifica de “sabotaxe” os feitos.

ambulancias

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 denuncia que durante a terceira convocatoria de greve neste sector -do 4 ao 10 de marzo- picáronse as rodas en 2 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e en 146 ambulancias asistenciais de soporte vital básico. Ademais, engade, provocáronse danos en máis de vinte vehículos “que sufriron accións vandálicas”, afirman desde a administración, que mostra a súa “máis firme condena ante as sabotaxes e actos vandálicos”.

A patronal das ambulancias decidiu romper novamente a pasada sexta feira as negociacións do convenio colectivo ante as discrepancias existentes á hora de establecer unha suba salarial que compense os atrasos salariais tras case catro anos sen convenio. A partir do vindeiro día 20 de marzo, e no caso de que antes non se chegue a un acordo que permita desbloquear o conflito, haberá folga indefinida.

O sector das ambulancias – 1.500 traballadores e traballadoras en Galiza- leva meses de loita e mobilizacións na defensa dos seus dereitos laborais. A ruptura da negociación dun novo convenio (que substitúa o que leva tres anos acaducado) após a decisión da patronal de recortalo en 10% volveu sacar operarios e operariasá rúa, protagonizando unha greve que pode convertirse en indefinida a finais deste mes de marzo.

Como teñen denunciado unha e outra vez os sindicatos, a orixe do conflito foi un concurso dotado á baixa pola propia consellaría de Sanidade, no que se levaron a concesión empresas-fondos de investimento, como Ambuibérica, que presentaron propostas aínda máis á baixa que inviabilizaban manter o servizo e pagar ao persoal.

Desde aquela sucedéronse os intentos de descolgue do convenio, de rebaixas salariais, un progresivo deterioro tanto das condicións laborais como dos propios vehículos, ademais de incumprimentos dos compromisos recollidos nas plicas do concurso. Isto, xunto coa reiterada negativa a negociar un novo convenio que deixou os salarios do persoal conxelados desde o ano 2015.

Comentarios