Darlle luz verde suporía "unha ameaza"

Verdegaia pide que se lle denegue a Corcoesto o carácter de “proxecto estratéxico”

Verdegaia apunta irregularidades no proxecto mineiro de Corcoesto: sinala o impacto que a mina pode ter sobre hábitats e especies, ou o nivel de contaminación dos estériles, algúns deles con niveis de arsénico moi superiores ao límite permitido.

A asociación tamén refire o aumento de emisións do gas canceríxeno radon como consecuencia da explotación, e acusa a falta de adecuación do estudo arqueolóxico, que está obsoleto e a falta de rigor dos cálculos de estabilidade da balsa de lodos tóxicos, baseada nunha normativa pensada para obra civil, pero non aplicable a construcións xeolóxicas como é o caso dunha balsa de estériles de mina.

Por outra banda, tamén consideran que hai eivas na viabilidade económica do proxecto, a falta de rigor do plano de restauración e que non se adecúa ao Planeamento urbanístico dos distintos concellos afectados, e, con todo, está declarado proxecto industrial estratéxico. Sinalan tamén as repercusións das voaduras sobre a poboación, e as vivendas máis próximas en particular.

Así e todo, acusan que a explotación mineira de Corcoesto incumpre algúns requisitos que a lei marca para ser considerado proxecto estratéxico: non crea os 250 postos de traballo directos marcados por lei (moitos son subcontratas), o volume de investimento non se detalla co nivel de concreción requirido na lei, e non hai investimentos relacionados coa actividade mineira que teñan un impacto positivo ou supoñan unha mellora da dotación futura da zona, tampouco en canto á xeración de ingresos públicos por cotizacións sociais, taxas e impostos; xa que as exencións tributarias e as subvencións das que gozan os proxectos estratéxicos anularían dito efecto beneficioso.

Amais, os documentos a exposición pública non valoran os impactos negativos do proxecto sobre a economía: perda de valor patrimonial das vivendas e os terreos; uso competitivo da auga, en detrimento do consumo humano, animal, e agrícola; perda de calidade de vida derivada da contaminación acústica; efectos negativos para a actividade turística; posibles impactos sobre Rede Natura...E por último, a tecnoloxía empregada no proxecto (lixiviación do ouro mediante cianuro) foi prohibida en varios países polas súas graves repercusións sobre o medio (mesmo o Parlamento Europeo aprobou unha resolución instando aos países da Unión Europea a prohibila, alertando dos riscos que dela se derivan).

A empresa pretendía acollerse a unha nova lei da Xunta (aínda sen regulamento de aplicación) para axilizar os trámites dos proxectos industriais estratéxicos. Isto permitiría tramitar conxuntamente o estudo de impacto ambiental e o plano de restauración, saltar por riba da lexislación urbanística dos concellos afectados, expropiar as fincas afectadas sen máis trámite, e outras prerrogativas. 

Por todos estes motivos, Verdegaia solicita que se denegue a consideración de estratéxico a este proxecto. Considera que sería unha “neglixencia” darlle luz verde, xa que podería supoñer unha ameaza permanente no tempo.

Máis en Sociedade
Comentarios