Toñi Vicente volve a Compostela

Sete anos despois de pechar o seu emblemático restaurante logo dun escuro episodio no que foi detida por mercar vieira ilegal, a cociñeira volve á capital. 

toñivicente
photo_camera Toñi Vicente

O novo proxecto de Toñi Vicente verá a luz no espazo que agora ocupa a Casa de Xantar Silveira, sita na rúa Caldenal Payá, a carón da Praza de Mazarelos. Trátase dun local moi popular na cidade, aínda que de recente posta en marcha por parte de Josinho Silva, tamén propietario do Bar O Trece, coñecido recuncho de artistas na rúa Basquiños, que mesmo ten editora propia, Edicións do Trece, e publicou obras de varios autores, entre eles Carlos Santiago. 

Ademais, o local forma parte dun edificio modernista de tres andares que acolleu a comezos do século XX o famoso Hotel Suízo onde se aloxaron persoeiros como Ernest Hemingway, Torrente Ballester ou a fotógrafa Ruth Matilda Anderson.

O 17 de xaneiro será o derradeiro día da Silveira en Mazarelos, que se reprega para deixarlle sitio ao novo proxecto de Toñi Vicente, pero que non abandonará a actividade hostaleira. “Reformaremos o Trece para ofrecer un mellor servizo e andamos xa á procura doutro local para o Silveira”, cóntanos Josinho Silva. 

Lembramos que Toñi Vicente (Tomiño, 1953) foi a abandeirada da cociña galega e conseguiu a segunda estrela Michelín para un restaurante galego. Estudou en Francia co cociñeiro Michel Guérard e en 1982 abriu en Vigo o Síbaris, onde colleitou a súa primeira estrela. En 1992 abriu o restaurante Toñi Vicente, que deseguido conseguiu o prezado galardón, que perdeu en 2008 logo do 'affaire' das vieiras contaminadas, polo que foi detida no momento de mercar este produto no mercado negro xunto con outras persoas implicadas. 

Pecharía o emblemático restaurante, onde ía xantar Fraga e os conselleiros todos os xoves de Consello da Xunta, en xaneiro de 2009. Logo abriu restaurantes en Ribeira, en Vilaboa e en Vigo. 
 

Máis en Sociedade
Comentarios