Un programa europeo reunirá en outubro a centros de seis países no IES Xelmírez I

Centros de Polonia, Italia, Romanía, Bulgaria e Turquía visitarán o Xelmírez I no inicio de curso no marco dun proxecto europeo de carácter intercultural, incluído no programa Comenius, que ten por fin reforzar a cooperación e a mobilidade entre centros educativos. 

O IES Xelmírez I en Turquía
photo_camera O IES Xelmírez I en Turquía

O compostelán IES Xelmírez I destaca por contar cunha dinámica e inqueda comunidade educativa. Boa mostra diso é o feito de ser o único centro da Galiza que conta neste momento con dous proxectos Comenius, un programa europeo que ten por fin reforzar a cooperación e mobilidade entre centros educativos. 

Profesorado e alumnado do instituto estiveron este ano en Polonia, Portugal e Turquía no marco do proxecto "A herdanza cultural e as tradicións nunha sociedade plural".  En outubro, tocaralle ao Xelmírez I ser o anfitrión. Farán de Compostela marco para o diálogo intercultural, pois as súas aulas acollerán en entón aos países participantes no proxecto: Polonia, Italia, Romanía, Bulgaria e Turquía..

Tres alumnas do centro, xunto co profesor Roberto Carballada e a coordenadora do proxecto, Carme Sande, chegaron hai uns días de Turquía.  "O obxectivo desta estadía ─explica Carballada─ foi poñer en común o traballo realizado por cada país no que se refire á historia e a cultura de cada un e afondar na cultura e tradicións turcas".

Nestes momentos, encóntrase en Turquía, na Capadocia, outro grupo do centro, en relación coa segunda iniciativa Comenius da que forma parte o instituto, que leva por título "O edén está preto de nós" e está centrado en actividades organizadas dende os distintos centros en áreas de interese natural.  Este segundo programa de intercambio foi iniciado en marzo, cunha estadía en Romanía, en Târgu-Jiu, onde o profesorado compostelán participante relatou, entre outras experiencias, o resultado do monitoreo do río Sarela que realizou coa asociación Adega. Coordinado polo profesor Manuel Antonio Domínguez, a iniciativa está integrada tamén por centros de  Eslovenia, Grecia, Romanía e Turquía.

Máis en Sociedade
Comentarios