Os colectivos conmemoran o Día do Orgullo

Unha manifestación en Vigo o próximo día 23 baixo o lema “Matrimonio igualitario, igualdade sen recortes” é unha das actividades que os colectivos de gais, lesbianas, transexuais e bisexuais están a preparar para a conmemoración do Día do Orgullo. Na Coruña celebouse onte unha grande festa nos Xardíns de Méndez Núñez.  

Do cruce de Colón con Urzaiz sairá a manifestación ás 18 da tarde do sábado 23 de xuño para rematar na Praza da Constitución onde terá lugar unha “festa tortilleira”, no ambente festivo e reivindicativo que os colectivos de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais impregnan na conmemoración do Día do Orgullo. 

Será o acto principal nunha cidade na que desde o mércores día 20 desenvolveranse obradoiros, palestras, proxeccións ou festas para reivindicar os dereitos dos colectivos. Un programa completo das actividades pode consultarse no blog da Asociación Nós Mesmas.
http://asonosmesmas.blogspot.com.es/

Na Coruña, actos festivos e reivindicativos tiveron lugar onte sábado cunha festa nocturna que contou co apoio da Concellaría de Cultura da cidade o que provocou a acusaciónn de “cinismo” por parte do BNG local que considera “unha burla ao colectivo que o PP teña presentado no Tribunal Constitucional un recurso contra a lei que acepta o matrimonio entre persoas do mesmo sexo” Tamén o PSOE pediu a retirada do recurso por parte do PP, ademais da celebración da festa. Na conmemoración dos xardíns de Méndez Núñez participaron os artistas Mario Vaquerizo e Nancys Rubias e un tren festeiro percorreu a cidade.

Máis en Sociedade
Comentarios