NUNHA CONFERENCIA DE PRENSA ESTE MÉRCORES NO OBRADOIRO

Denuncian que o Concello de Compostela mente sobre o uso do espazo público

A Rede Feminista Galega e o Cineclube de Compostela explicaron onte no Obradoiro as incoherencias do Concello compostelán no tocante ao cobro de taxas ás entidades sen ánimo de lucro polo uso do espazo público. Durante a conferencia de prensa, unha persoa foi identificada pola policía.

Segundo a Rede Feminista e o Cineclube de Compostela, o concelleiro delegado de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez Aldrey, asegurara que nin coa ordenanza actual, vixente dende xaneiro de 2008, nin coa que o Concello aprobou o pasado o xoves 31 de maio, se lles ía cobrar por realizaren actividades que lles son propias ás entidades sen ánimo de lucro nin ás asociacións veciñais.

Con todo, o Concello de Santiago xa está a cobrar taxas ás asociacións culturais e veciñais da cidade: o pasado 11 de maio, o Cineclube de Compostela solicitaba permiso do Concello para a utilización da Praza da Oliveira os martes do mes de xuño, para realizaren un ciclo de cinema feminista gratuíto na rúa xunto coa Rede Feminista Galega. 

Case 20 días despois, a Concellaría dirixida por Vázquez aprobaba o uso da praza, previo pagamento dunha taxa de 405,52 euros por día, en virtude dunha ordenanza do 2008 que regula a instalación de postos de artesanía, as rodaxes cinematográficas, os grandes espectáculos ou as atraccións. Os catro días de proxección sumarían 1622,08 euros, polo que o Concello tenta pór o uso do espazo público a un prezo máis elevado ca o marcado pola especulación para os alugueiros dos locais privados, de xeito que imposibilita a actividade destes colectivos.

A arbitrariedade da aplicación da Ordenanza vixente, din, faise visible en que o pasado ano o Cineclube de Compostela realizou un ciclo de cinema gratuíto na rúa sen que o Concello, utilizando a mesma normativa, lles solicitase máis ca unha comunicación de uso do espazo público. “Sabemos que non somos os primeiros en sufrir esta retorta estratexia de administración municipal”, din dende as dúas asociacións. “Antes ca nós, outras organizacións políticas, culturais e veciñais, especialmente desde a formación do novo goberno, viron dificultadas ou imposibilitadas as súas actividades a través da petición de fianzas, da imposición de multas ou da negación de permisos para o uso do espazo ou da rede eléctrica”.

Máis en Sociedade
Comentarios