As cidades galegas terán un taxi por cada 900 habitantes

A primeira lei do taxi galega permitirá aos profesionais do sector prestar os seus servizos de transporte en varios municipios se cumpren unha serie de requisitos e limitará o número de licenzas vixentes.
Taxi na Coruña
photo_camera Taxi na Coruña

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, adiantou ao termo da reunión semanal do seu Executivo, que a nova normativa do taxi prevé que nas cidades con máis de 150.000 veciños (Vigo e A Coruña) será dun vehículo por cada 900 habitantes. Así mesmo, nos concellos cunha poboación igual ou inferior a 20.000 habitantes, estipúlase unha licenza de taxi por cada 1.500 habitantes, cun mínimo de dous por municipio. O sector conta agora mesmo con 4.000 traballador@s na comunidade e xera un "impacto" na economía galega de 160 millóns de euros. Ademais, existen en Galiza 138 vehículos dedicados á actividade de arrendamento con condutor e xestionados por 18 empresas.

O sector conta agora mesmo con 4.000 traballador

Na nova norma, ademais de dar "seguridade xurídica" ao sector ao "harmonizar" os requisitos para recibir unha licenza e "limitar" o seu número, incorpóranse outras novidades como a posibilidade de traballar, de forma "voluntaria", en áreas de prestación conxunta. Para poder facelo, necesitarase un informe favorable de "os dous terzos" dos concellos que a integren e que esta porcentaxe sexa equivalente, polo menos, ao 75 por cento da poboación da área.

Ademais, a nova lei propón habilitar un único número de radiotaxi para toda Galiza e buscar "unha única imaxe de calidade" na comunidade. Esta imaxe "única e recoñecíbel" tería "bos" efectos para os propios taxistas e os usuarios do servizo, a xuízo do xefe do Executivo autonómico. Do mesmo modo, o texto lexislativo aspira a "mellorar a accesibilidade" a persoas con mobilidade reducida ou que sofren algún tipo de minusvalidez. Segundo Feijóo "deberán dar servizo preferente ás persoas con mobilidade reducida e prevese a implantación progresiva de taxímetros que emitan sinais perceptibles por persoas con minusvalideces visuais e auditivas", concretou o presidente.

Máis en Sociedade
Comentarios