Tamén se publicou sen negociala a regulación dos contratos-programa

A CIG-Ensino presenta un recurso contencioso-administrativo contra Educación

A negativa da Consellaría a tratar na Mesa Sectorial os Plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos lévaa perante o TSXG. 

O sindicato denuncia que a Consellaría de Educación “volve ás andadas” ao estabelecer unha nova modalidade de formación do profesorado sen negocialo na Mesa Sectorial, e está a vulnerar o dereito que asiste ás organizacións sindicais a negociar as condicións de traballo do profesorado.

Amais onte, 7 de xuño, publicouse a Resolución coa regulación dos contratos-programa e as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar, nos centros de primaria e secundaria, sen negocialo cos representantes dos traballadores.

“Son dúas mostras máis do comportamento antidemocrático e desprezativo da Consellaría de Educación que se volve situar á marxe da legalidade, ao furtar o dereito á negociación en temas importantes para o profesorado e o sistema educativo ”, explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.

Tocante á resolución que regula os contratos-programa, a CIG-Ensino lamenta que a Consellaría de Educación, na vez de procurar que todos os centros educativos conten cos recursos necesarios para frear o fracaso escolar, aposte por canalizar recursos extras a determinados centros, baseándose na taxa de éxito escolar e sen ter en conta a extracción social e económica do alumnado que escolarizan.

Para Louzao, este modelo responde á "visión reaccionaria e elitista da educación", que "non contempla medidas compensatorias que favorezan o alumnado con maiores dificultades educativas", e polo tanto "desterra a igualdade de oportunidades”.

Máis en Sociedade
Comentarios