A Xunta tramitou máis de 8.400 denuncias municipais relacionadas coa Covid-19

Varias persoas pasean por unha rúa de Baiona. (Foto: Europa Press).

Case un 30% foron notificadas aos presuntos incumpridores. A maioría son por non levar máscara aínda que tamén aumentaron os expedientes por fumar ou participar en botellóns.

Os incumprimentos ds normas estabelecidas polas autoridades sanitarias e políticas co fin de garantir a saúde pública fronte á Covid-19 cóntanse por milleiros.

A vixilancia e a tramitación de expedientes de sanción afecta ao conxunto do territorio aínda que se fai máis difícil nos concellos máis pequenos, con menos recursos técnicos e de persoal para afrontar os labores de control.s

O consumo na barra e o incumprimento dos horarios de feche, entre as principais infraccións

Así, segundo os datos actualizados no marco do convenio asinado a finais de novembro pola Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar cos concellos que o precisen na tramitación das sancións, a día de hoxe ah 181 municipios adheridos.

As primeiras denuncias, en virtude deste convenio, entraron na Xunta o pasado 14 de decembro, menos de catro meses despois, o total de denuncias municipais que chegaron á Administración galega para a súa tramitación superan xa as 8.400.

Do total, as propostas de sanción para máis de 2.200 están xa notificadas aos presuntos incumpridores; e as demais atópanse en distintas fases de tramitación.

Uso da máscara inadecuado

A infracción máis común, con moita diferenza, é a derivada do incumprimento do uso obrigatorio de máscara.

Os casos son moi variados, mais o imcumprimiento do uso de máscara no interior ou na terraza de estabelecementos hostaleiros, o caso de viaxeiros que non a levan mentres circulan en vehículos con outras persoas non conviventes e o de individuos que deambulan sós pola rúa sen a máscara, son os que máis denuncias acumulan. Na Galiza, a multa por non levar máscara ascende a 100 euros.

Outras infraccións teñen que ver co incumprimento do horario de feche dos estabelecementos de hostalaría, o consumo na barra -consentido polos encargados-, as reunións en botellóns e fumar na vía ou noutros lugares públicos.

Colaboración estreita

Neste sentido, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, constatou que o uso incorrecto da máscara supera calquera outra infracción malia que nas "nas últimas semanas" empezaron a entrar máis propostas de sanción por fumar na vía ou noutros lugares públicos e participar en botellóns, un aumento que tamén ligou á "intensificación dos controis".

Segundo explicou Prieto, unha trintena de traballadores da Administración autonómica encárganse dos labores de tramitación en "cooperación permanente" cos concellos. Con todo, é a Administración autonómica a que procede á elaboración de todos os acordos de inicio, notifica a denuncia e adxunta as cartas de pagamento para os cidadáns que queiran acceder aos descontos por facelo pronto ou alegar.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, asegurou que o convenio está a funcionar con normalidade. Pero advertiu que, baixo o seu punto de vista, o principal problema non está na tramitación das multas, senón nas tarefas de vixilancia e control das rúas que, en moitas ocasións, "están a recaer" na Policía Local e supoñen unha carga de traballo extra moi importante. "Ter medios para o control dos espazos públicos é o primeiro, o crucial", resolveu.