A Xunta reclama para Galiza as vacinas que "non son capaces de pór" outros territorios

Alfonso Rueda (Foto: Xunta da Galiza)
Este domingo arranca a segunda fase do plan de vacinación coa administración da segunda dose.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que o Executivo estatal debe pór as vacinas que "non son capaces" de administrar algunhas comunidades a disposición daqueles territorios que esgotan a subministración semanal que distribúe o Goberno a través do Ministerio de Sanidade.

"Non queremos quitar nada a ninguén. O que non ten sentido é telas e non polas cando hai outros que si as poderiamos pór", sinalou Alfonso Rueda a preguntas do colectivo de xornalistas este sábado, durante unha visita ao Pazo de Mos.

Para o vicepresidente galego "non é razoábel que haxa vacinas sen administrar", polo que solicitou que estas doses "se poñan a disposición" de territorios como Galiza, que se atopa entre as autonomías con mellores cifras de vacinacións.

"Todo o que nos chegue vaise a administrar", destacou Rueda para reclamar unha subministración superior ás 18.000 doses semanais que chegan a Galiza co obxectivo de non interromper" o proceso de inmunización da poboación.

Segunda fase

Tras o anuncio de Pfizer de reducir temporalmente as entregas de vacina a todos os países de Europa co fin de incrementar a súa produción, a Consellaría de Sanidade declarou que mantén o seu plan de vacinación, iniciado o 27 de decembro, cuxa segunda fase inicia este domingo coa administración da segunda dose ás primeiras residentes en recibila.

A Administración galega prevé ter vacinadas coa primeira dose a vindeira segunda feira unhas 53.000 persoas, entre residente, persoal sociosanitario e persoal sanitario en primeira liña de Covid.