O Goberno galego anunciou esta quinta feira que vai autorizar que os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os centros ocupacionais reabran a partir do 15 de xullo. Unha decisión que contradí o posicionamento mantido ao longo de todas estas semanas polo Executivo de Feixoo e que, contrariamente ao resto de territorios do Estado, teimaba en que esa apertura non acontecese até setembro, pasado o verán.
Mais o malestar xerado por esa decisión preocupaba en Monte Pío e en san Caetano, tendo en conta a proximidade das eleccións do 12 de xullo.
Co feche dos centros de día 14.400 usuarios e usuarias ficaron sen o seu espazo de coidados e socialización até o mes de setembro. A paralización deste servizo derivou no deterioramento de moitas das persoas que acoden aos centros e que se viron privadas da atención especializada que recibían.
Familiares, esgotadas e abafadas polo esforzo, e entidades que atenden as usuarias demandaron con insistencia o seu regreso aos centros.
Colectivos como a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), os Colexios de Traballo Social e Educación Social ou a Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns (Aspace) reclamaronn á Xunta que rectificase.
"O feche está afectando moi negativamente as persoas usuarias, as secuelas agrávanse cada vez máis, con importantes retrocesos a nivel cognitivo, físico e emocional no caso das persoas con dano cerebral", expresaba a principios de xuño a directaa de Fegadace, Begoña Hermida, en conversa con Nós Diario.