A Xunta da Galiza anunciou onte que procederá, nos "vindeiros días" a abrir a lagoa de Baldaio, no concello de Carballo, co obxectivo de evitar futuras inmediacións neste ecosistema que forma parte da Rede Natura e é Zona Especial de Protección de Aves. No mesmo día a área afectada foi sinalizada e balizada.
Os recentes temporais do mes de febreiro provocaron o illamento de tres veciñas da área e danaron os recursos marisqueiros da contorna.
A decisión de abrir a lagoa, a través dunha encomenda de carácter urxente, adoptouse tras a reunión celebrada a pasada semana dunha mesa de traballo na que participan as Consellarías de Medio Ambiente e Mar.
Técnicos dos departamentos galegos e do Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago desprazáronse estes días a Baldaio para analizar o estado do ecosistema da lagoa, marisma e praia e acordar as medidas adecuadas.
A apertura da lagoa será a primeira medida a executar, para que o nivel da auga descenda; ante a imposibilidade de que este proceso se dea de forma natural. A xefa territorial de Medio Ambiente na Coruña, Cristina Carrión, reunirase coas asociacións ecoloxistas que realizan tarefas de limpeza na área.