Os xulgados da Galiza afrontan un novo conflito laboral cos paros diarios de tres horas que arrincarán esta segunda feira baixo a convocatoria de folga indefinida realizada polos sindicatos STAJ, UXT, CC.OO., CSIF e SPJ-USO en contra da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa no sector público da Xustiza.
Esta nova folga, que chega semanas despois do final da levada a cabo polos letrados de administración de xustiza (LAX), provocará paros parciais entre as 10,00 e as 13:00 horas de segunda a sexta feira con excepción do 19 de abril, xornada na que os funcionarios están chamados a interromper a súa actividade durante todo o día.
Nun comunicado, as organizacións convocantes explican que os funcionarios demandan melloras salariais e profesionais "na mesma liña" das concedidas polo Ministerio de Xustiza aos LAX, que puxeron fin á súa folga tras pactar incrementos retributivos de entre 430 e 450 euros brutos en función das distintas funcións e niveis.
Os paros irán acompañados de concentracións ante os edificios xudiciais das sete cidades galegas, así como unha "gran manifestación" en Madrid durante o día 19.
A convocatoria non conta co respaldo da CIG, que si mostrou o seu apoio ás mobilizacións en defensa de melloras retributivas pero que decidiu desmarcarse dos paros porque entende que "aínda está moi recente o ocorrido na folga de 2018" que tivo, para a central nacionalistas, "consecuencias nefastas".
Os servizos mínimos estabelecidos pola Xunta inclúen un xestor ou tramitador e un auxilio para as salas, rexistro e secretaría do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza; un xestor, un tramitador e un auxilio para cada unha das seccións penais e mixtas das audiencias provinciais, nas que tamén deberán traballar un xestor ou tramitador por cada sección e un funcionario de auxilio por cada dúas seccións ou fracción.
Nas oficinas de rexistro e repartición das audiencias provinciais terán que operar durante os paros un xestor ou tramitador e, a maiores, un auxilio xudicial, mentres que os xulgados de garda en toda a estrutura xudicial galega deberán contar coa totalidade do persoal habitual ao tratarse dun servizo esencial.