O Xulgado de Instrución nº3 de Lugo abriu unha investigación sobre o falecemento de Miguel V.L, veciño de Celeiro (Viveiro) que faleceu esta segunda feira nun hospital da cidade lucense a onde foi levado tras ser reducido e esposado até por sete policías españois. Segundo indican desde as axencias de noticias, citando a fontes policiais, a actuación dos axentes produciuse após poñerse “agresivo” e “alterado” e empurrar a unha persoa na rúa.
Os feitos tiveron lugar por volta das oito da mañá desta segunda feira. Sempre segundo a versión policial, citada polas axencias, un grupo de persoas requiriron a intervención da Policía para reducir a un individuo “moi agresivo” que empurrara “sen máis” a un cidadán na rúa.
Apelan a que o falecido padecía unha enfermidade mental
En base a este relato, varios axentes desprazáronse ate o lugar, nas proximidades da delegación da Xunta en Lugo, para reducir a esta persoa que, sinalan, “padecía unha enfermidade mental, supostamente esquizofrenia”. Aí é onde nesta narración 'oficiosa' se xustifica a actuación de ata 7 policías para poder reducilo porque estaba “moi agresivo”.
Unha vez reducido e esposado, proseguen, chegou a ambulancia con persoal sanitario que o sedaron e levaron a un centro hospitalario. Dúas horas despois, faleceu. Algunhas fontes apuntan a paro cardíaco.