O Ministerio Público reclama oito de cárcere para un subtenente do Exército de Terra que acumulou durante anos un arsenal de armas de guerra e agochaba na súa casa de Vilalba e na súa habitación da residencia militar da Coruña.
O xuízo terá lugar na vindeira quinta feira, 22 de abril, na Audiencia Provincial da Coruña, onde este militar deberá responder ante a suposta comisión dun delito de depósito de armas de guerra polo que a Fiscalía pide, ademais de oito anos de cárcere, dez anos de inhabilitación para posuír a licenza de armas.
O arsenal foi descuberto no marco dun rexistro relativo a unha investigación coa que o procesado estaba vinculado. Así, os días 3 e 4 de xuño, produciuse á entrada dos dous domicilios do acusado: unha casa en Vilalba e a súa habitación na residencia militar da Coruña da rúa Maestranza.
As armas estaban agochadas en dobres fondos de armario e en ocos deseñados para ocultar os rifles, pistolas e munición que, durante anos, este subtenente foi acumulando, segundo sostén Fiscalía no seu escrito de acusación.
En total, foron requisados 34 fusís e rifles de diferentes calibres e marcas, unha ametralladora lixeira, 16 subfusís, 13 carabinas, 57 pistolas, cinco revólveres, 390 cargadores, 10 silenciadores, 52 canóns de diferentes tipos de armas, case 4.5000 cartuchos metálicos, 53 pezas de reposto, 4 quilos de pólvora e unha prensa de recarga de cartuchos.
Venda de armas
Así mesmo, a Fiscalía asegura que o militar, que se atopa en activo, tamén se dedicaba á venda de armas sen estar habilitado legalmente para facelo. Atribúelle unha ducia de operacións de armas automáticas e manuais.
Por todo iso, o Ministerio Público considera que este individuo é autor dun delito de tenencia de arsenal de guerra, pois gran parte das armas que posuían nos seus domicilios non están dentro da licenza para o manexo de armas que ten pola súa condición de militar.