A explanada da estación vella de Carballo acolle esta sexta feira (ás 21.30h) un concerto "contestatario" contra a megaminaría contaminante. Convocado pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños o acto ten por obxecto amosar o rexeitamento aos proxectos mineiros que ameazan Galiza, nomeadamente, á mina a ceo aberto que a empresa canadense Edgwater pretende instalar na comarca de Bergantiños.
@s artistas convidad@s, que actuarán de balde farano nun escenario disposto pola Plataforma "para que a súa indignación cante" aseguran desde a organización. Aliás, o escritor Sechu Sende dará leitura ao manifesto "en defensa do territorio e das persoas" que fican ameazadas polas explotacións mineiras.
"Un milladoiro para Corcoesto"
Desde a Plataforma en defensa de Corcoesto e Bergantiños organizan tamén o sábado (a partir das 11.00h) unha acción "artístico reivindicativa" promovida por Delio Sánchez (Factoría Delideas) e @s integrantes do Colectivo asTeu --Inma Doval e Xacobe Meléndrez. A xornada, que terá lugar na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto, acollerá ducias de videocreador@s, pintor@s, exposicións fotográficas e escultor@s que poñerán o seu traballo en defensa do territorio.
Xunto a el@s, escritoras e escritores da Galiza --mais tamén vind@s doutros recunchos do mundo-- participarán na instalación dun milladoiro co que recuperar o valor destas constucións antigas que aínda se seguen a empregar para afastar os malos espíritos que asolagan a comarca. Os poemas e textos escritos e recollidos para a ocasión formarán o milladoiro a carón da antiga mina que agora Edgwater pretende recuperar.