Os datos fornecidos polo Sergas este sábado indican que o número de persoas infectadas con coronavirus na área de Vigo aumentou 24% e sitúase, así, á cabeza no número de contaxiadas e contaxiados, cun total de 633 casos positivos.
A área máis castigada polo coronavirus na Galiza é a que nos últimos anos viu como se fechaban máis centros sanitarios. Mentres a Xunta da Galiza, segundo informou o propio presidente, Alberto Núñez Feixoo, localiza hoteis que poidan servir para acoller persoas coa COVID-19 ante un eventual desbordamento de hospitais, o Policlínico Cíes está fechado. Podería albergar, segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, 150 camas.
Tamén conta cunha boa infraestrutura o Hospital Psiquiátrico do Rebullón, que fechou en 2016. O Centro de Especialidades de Coia foi abandonado en 2015 e o da Dobrada en 2017. O feche máis emblemático foi o do antigo Hospital Xeral, que unha vez se puxo en marcha o Álvaro Cunqueiro, ficou inoperativo. A plataforma SOS Sanidade Pública pedira que os anexos fosen destinados a uso sanitario, mais o seu anexo 1 pasou a formar parte do proxecto da Cidade da Xustiza.
Estas infraestruturas sen utilizar suman un total de 517 camas. SOS Sanidade Pública empraza a Xunta de Galiza a telo en conta, posto que o Goberno galego asegurou que estaba en busca de hoteis para os habilitar con recursos sanitarios ante un eventual pico da pandemia.