O Beluga XL, tamén coñecido como Airbus A330-700L, sucou esta cuarta feira o espazo aéreo de Vigo e Pontevedra, espertando a curiosidade da veciñanza de varios concellos do sur do país que viron unha "balea xigante" sobrevoar os seus fogares.
Esta aeronave, un dos últimos modelos deseñados e construídos pola compañía aeronáutica Airbus, escolleu o aeroporto de Peinador para desenvolver algunhas probas de pilotaxe, após partir do aeroporto de Xénova, en Italia.
O pasado 5 de abril, o Beluga XL xa sucara os ceos de Vigo, no marco dunha serie de probas que a empresa esta realizar para comprobar o funcionamento deste avión, cunha lonxitude total de 63 metros e con até 30% máis de capacidade que o modelo anterior de Beluga.
Este modelo está pensado para o transporte de mercadorías relacionadas coa industria aeronáutica, nomeadamente pezas para outras aeronaves.
Probas en Peinador
O aeroporto vigués fora escollido xa por Airbus en 2019 para levar a cabo as probas do Beluga XL, pero naquel momento as condicións climatolóxicas adversas obrigaron a atrasalas.
Despois das probas de comezos de abril, o Airbus A330-700L volveu esta cuarta feira para percorrer o espazo aéreo entre Pontevedra e Vigo.
As manobras realizadas polo avión foron sempre as mesmas. O piloto sucou o ceo vigués para despois dirixirse ao aeroporto de Peinador. O avión pousou os trens de aterraxe na pista e, sen chegar a parar o motor, volveu despegar. En total, a aeronave desenvolveu tres veces este exercicio.