Por volta de 400 persoas tomaron parte na concentración convocada polas asociacións de veciños de Teis e Chapela para reiterar as demandas e peticións que manteñen de vello sobre a AP9. Así, e perante o anuncio de Fomento de que ía acabar coa peaxe de Redondela da autoestrada, solicitan que se concrete o prazo en que esa medida se fará efectiva. E non só isto, ademais, a veciñanza rexeita que a fin desa portaxe implique repercutir o custo da mesma noutros tramos da AP9.
A reivindicación de convertir a AP9 en tramo urbano desde o centro da cidade até as torres de Padín foi outra das demandas desta mobilización. A veciñanza lembra que en cidades domo Compostela ou A Coruña, a AP9 actúa como circunvalación, liberando tráfico, o que desexan tamén para os seus barrios.
A instalación de barreiras acústicas foi outra das peticións que se defenderon nesta concentración, na que se interrumpiu o tráfico na Avenida de Redondela durante uns minutos.