A variante india da Covid, coñecida como Delta, chegou ás augas residuais da Coruña

Á planta de tratamento de Bens chegan as augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. (Foto: EdarBens).
A variante Delta da Covid-19, orixinaria da India, xa se atopa circulando pola Galiza. Alén dos casos puntuais detectados hai semanas en Vigo, o proxecto CovidBens evidencia que se atopa nas augas residuais da Coruña.

"Mentres a vacinación segue en ascenso, o virus circula entre as persoas vacinadas sen facer dano e a variante india Delta B.1.617.2. irrompe aquí". Con estas palabras alertaba da presenza da citada variante nas augas residuais da Coruña Margarita Poza, microbióloga do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade da Coruña (UDC).

A presenza da variante procedente da India foi detectada pola aplicación CovidBens, que realiza unha análise xenómica das mutacións do novo coronavirus que chega á EDAR da Coruña e da súa área metropolitana. 

A primeira vez que se rexistrou un caso da variante Delta foi en Vigo, onde se produciu un surto controlado entre mariñeiros do buque 'Prometheus Leader'. Na comparecencia de representates do Comité Clínico que asesora a Consellaría de Sanidade durante a pasada cuarta feira, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, cifrara en 23 os casos da variante Delta, boa parte deles relacionados co tripulacións de barcos que chegaron ao porto de Vigo.

Marga Poza, que é a coordinadora de CovidBens, explica na súa conta de Twitter que a mutación de Delta compártese coa colombiana, "mais isto non quita protagonismo á india, que xa sabemos que está presente". É posíbel que unha mesma mutación sexa representativa de dúas ou máis variantes distintas.

 

Tamén fora a través deste proxecto cando se coñeceu a circulación da variante británica pola Galiza. Unha variante que semanas despois era xa a maioritaria.

O obxectivo do proxecto CovidBens consiste en realizar un seguimento do SARS- CoV-2 na área metropolitana de aproximadamente 400.000 habitantes que comprende os municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, que verten as súas augas residuais á depuradora de Bens.

Serve como alerta temperá ante posíbeis surtos, pois demostrou ser capaz de adiantarse até 18 días a respecto dos datos reportados polo sistema sanitario.

Unha maior transmisión

A día de hoxe, a Delta é a que predomina en países como o Reino Unido e a que levou a Madrid a adiantar a segunda dose da vacina de AstraZeneca nas persoas maiores de 60 anos. O Goberno rexional adoptou a decisión a semana pasada, logo de constatar a transmisión comunitaria desta variante.

A predominancia da variante Delta no Reino Unido e en Portugal demostrou unha maior transmisibilidade do virus e provocou un paso atrás dos respectivos Gobernos á hora de avanzar na desescalada.

A nivel estatal, a última actualización do Ministerio de Sanidad sitúa a frecuencia da citada variante por debaixo do 1% no caso dos casos positivos secuenciados.