O estudantado universitario que estea matriculados en centros de educación superior da Galiza poderá moverse entre os catro territorios ou provincias en que o Estado español divide o país ─Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña─ para ir recoller apuntes á cidade en que estuda.
Así se acordou neste sábado, 16 de maio, na novena reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) que mantivo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e representantes da Delegación do Goberno español na Galiza.
Neste encontro decidiuse que os alumnos matriculados nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario do país deben estar autorizados para se desprazaren a recoller os seus apuntes e os efectos persoais que deixaron no lugar onde residían até o momento da suspensión das aulas, xa que o interpretaron como "unha situación de necesidade".
Para poder xustificar a mobilidade, cada universidade habilitará o proceso correspondente coa emisión dun certificado "persoal e intransferíbel" que facilitará a realización dunha soa viaxe á cidade universitaria galega onde o estudante estea matriculado.
Ademais, este permiso só autoriza á recollida dos efectos persoais e desaloxo da vivenda, no caso de que sexa oportuno debido ao fin do contrato, e tamén á recollida de material en residencias universitarias.
Biblioteca, museos, arquivos
Por outra banda, retomarase a partir da segunda feira, 18 de maio, a actividade presencial nas 23 bibliotecas, museos e arquivos xestionados pola Xunta, baixo un protocolo que segue as indicacións fixadas polo Ministerio de Sanidade e que foi abordado cos representantes sindicais.
As bibliotecas reiniciarán esta actividade na segunda feira coa activación do préstamo e devolución de materiais e de lectura en sala. Na Cecop precisouse que os fondos que se devolvan terán que pasar unha corentena de 14 días antes de volver estar a disposición da cidadanía.
Os museos, pola súa banda, abrirán a partir da terza cun terzo do seu aforo e sen visitas en grupos. Mentres tanto, nos arquivos prevalece a atención telemática e a presencial se reserva para casos imprescindíbeis e baixo cita previa.