Unha multitude tomou, malia choiva, na manifestación de Pontevedra, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Desde hai días viñas realizándose charlas, actos, mesmo caravanas de vehículos e batucadas para concienciar e animar á xente a unha manifestación que os organizadores consideran fulcral para parar o que cualifican de “progresiva privatización e deterioro da sanidade pública galega” por parte do PP. "Contra os recortes e a privatización da sanidade pública e polo Hospital Único de Montecelo" e "A sanidade pública non se vende, deféndese" foron as principais faixas da mobilización.
Na marcha estiveron presentes representantes de concellos, de partidos (agás o PP), sindicatos, colectivos veciñais e sociais...Unha mobilización na que se demandou o Hospital único (defendendo a ampliación de Montecelo), a fin das tesoiradas en sanidade, que se pare a privatización... Na marcha tomaron parte representantes do BNG, PSOE ou AGE.
Cómpre lembrar, aliás, que a marcha estaba apoiada polos alcaldes de Pontevedra, Poio, Vilaboa, Bueu e A Illa de Arousa.
Nin un paso atrás
@s organizadores desta protesta falaban de reunir vinte mil persoas. A falla de cifras definitivas, o certo é que unha maré de milleiros e milleiros de persoas percorreron a cidade do Lérez unidos por un denominador común: A defensa da sanidade pública e o rexeitamento frontal das políticas do PP de recorte nun servizo que, afirman “con estes gobernantes está a deixar de ser público e gratuíto”.
O médico Francisco Sánchez pedira que “todo cidadán consciente debería acudir para amosar que está pola defensa da sanidade pública e o Estado de Benestar”.