Ao longo de décadas, os galegos e galegas foron creando diferentes e diversas maneiras de conmemorar o solsticio sen necesidade de centros comerciais, nin de inxentes investimentos en luces de Nadal nin importadas modas comerciais.
1.- Os cantares de Nadal e Reis
Así como noutros ámbitos as tradicións non están moi arraigadas, nos cantos, a raíz é fonda. Segundo as celebracións, a historia musical popular ofrécenos panxoliñas, arrolos ou romances para o 24 e 25 de decembro: xaneiras ou aninovos e manoeles para o fin e inicio do ano e os cantares de reis ou aguinaldos para o 6 de xaneiro.
Para se achegar a esta tradición musical é moi recomendábel o volume ‘O Quiquiriquí’ que publicou a Asociación de Gaiteiros Galegos recollendo a cultura e a tradición do Nadal Galego. O certame de Cantares de Reis de Boimorto é sempre unha posibilidade de sentilos ao vivo.
2.-Sobremesas non só de améndoa
De ir á tradición, en moi escasas ocasións a améndoa aparece nas sobremesas. Por este tempo, os doces galegos acostumaban ser compotas de peras ou mazás, a torta de chicharróns ou o arroz con leite. En Verín era tradición tomar unha sopa de améndoa, nada a ver, en todo caso, co turrón que agora está presente en todas as mesas.
3.- Bacallau con coliflor, o prato que se mantén
Malia que as datas mudaron moito e tenden á homoxeneizarse, cos mesmos adornos, adobíos e mesmo ementas, o bacallau con coliflor á moda galega continúa impóndose na cea de Noiteboa. A orixe está en que a véspera de Nadal foi durante moito tempo vixilia no calendario eclesiástico e iso facía que as carnes quedaran fora da mesa dese especial día. A vixilia desapareceu mais o costume ficou e son aínda moitas as casas nas que nesta noite se sinte o arrecendo forte da verdura mesturada co bacallau ao que logo se acompaña de aceite de oliva cru.
O capón de Vilalba, a galiña de Mos ou o galo de Arzúa teñen tamén presencia no Nadal con prestancia galega. Poden non ter tanta historia nas nosas mesas agora, son produto de calidade e estanse a impoñer con forza. Dos mariscos, malia non seren antes tan apreciados convertéronse agora no produto estrela das festas.
4.- O Apalpador
A gran figura que cada ano se volve máis forte, O Apalpador ou Pandigueiro. O carboeiro que baixa nestas datas do Courel e apalpa as barrigas dos nenos para deixarlles unha presada de castañas ten xa unha chea de libros e cancións para recuperalo. A figura é sempre a mesma, grande, bonachón, con gorro, roupas remendadas e gorro. Unha personaxe nada a ver co home de branco e vermello que chega con moito barullo e repítese até a saciedade.
5- O Belén
Por toda a xeografía atopamos beléns con algún interese agora, de ter que quedarnos con un, tiramos para Ourense e alá nos atopamos con esa alfaia do escultor Arturo Baltar, toda unha institución que mostra en escala a arquitectura tradicional galega. Moita sabedoría, moita man artesán e moito amor á Terra neste belén de Baltar.
6.- O Natarego ou tizón de Nadal
Pode ser que a do tizón de Nadal ou Natarego sexa unha das tradicións máis esquecidas do Nadal mais, tal e como está a facerse grande o Apalpador quen sabe se, daquí a uns anos, non lograremos que o tizón alumee tamén nas nosas casas. Para saber en que consiste, nada mellor que acudir ao parlamento de Otero Pedrayo para coñecela:
"É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano pra cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, pra arredar o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla pra botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume.
O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman o tió, no que baten os nenos da casa pra que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro.
A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos."
7.- Agasallos con conciencia
Quen máis quen menos deixase levar nestes días polo lado escuro do consumismo. De non poder resistir a tentación, sempre será mellor para todos e todas facelo ao xeito e, para iso, convidamos a botar unha ollada a agasallo.eu, a páxina que ten recomendacións a esgalla para, de mercar, mercar produtos bos e na nosa lingua. Moi de tradición non é, agora, nada mellor para un Nadal de noso.
8.- Consellos para non 'consumirte' no Nadal
Preciso realmente mercar isto? De que está feito? Canto vai durar? Pode ser reciclado? Hai alternativas mellores? Son algunhas das preguntas que desde a entidade recomendan que a xente se faga antes de mercar algo. Incitan a procurar alternativas en todos os ámbitos que permitan un consumo máis responsábel no Nadal e tamén todo o ano. Publicaron un manual de boas prácticas de consumo para estas festas natalicias. ‘Por un Nadal máis verde’, disponíbel na súa páxina web.