“Pódense corrixir pequenas imperfeccións da pel debido a unha puberdade adiantada”. Estas foron algunhas frases que se puideron ler nos printers da peza publicada no magazine da TVG A Revista emitido o 17 de maio sobre a maquillaxe das nenas pola primeira comuñón.
As críticas nas redes sociais non tardaron en aparecer: desde acusacións á hipersexualización das nenas a un ataque á aconfesionalidade que deberían rexer os contidos do ente público. Tamén ao feito de que a TVG dedicase espazo á maquillaxe de rapazas e carecese de minutos para informar sobre o Premio José Couso á Liberdade de Prensa, que recaeu este ano no colectivo #DefendeAGalega.
Consultamos ao respecto coa catedrática de Filosofía e autora de Feminicidio, Carme Adán. “Estamos ensinándolles ás nenas a seren loitas e non mulleres libre, así custa tanto despois previr a violencia contra as mulleres", sinala. A especialista en xénero pon de manifesto que a maquillaxe nas nenas “é unha moda importada de ianquilandia, ao igual que os aniversarios en que se convida as amigas a iren a salóns de beleza, a poñerse tacóns e vestírense sexualizadas”.
“Eu pregúntome, para que se maquillan? E non critico a maquillaxe en si, critico que se maquillen as nenas e que se convertan en bonecas sexuais”, acrecenta a estudosa. Na peza emitida por A Revista xustifícase a maquillaxe das nenas polas fotografías, mais “acaso os nenos non se fan fotos?”. Para Adán trátase dunha reprodución dos estereotipos de xénero.
Resúltame case obsceno que o faga unha televisión pública nada preocupada por crear programación en galego para nenas e nenos
A cuestión, salienta a tamén colaboradora de Sermos Galiza, é “que lles estamos transmitindo ás nenas, que lles facemos ver como importante”. “Resúltame case obsceno que o faga unha televisión pública nada preocupada por crear programación en galego para nenas e nenos”.