Nunha sentenza con data do pasado 26 de maio e da que informou esta cuarta feira o alto tribunal galego, os maxistrados destacan que a "actividade pastoral" que realizan os sacerdotes é "allea totalmente ao Sergas". O Goberno galego destina 700.000 euros a pagar a 41 capeláns a xornada completa e 11 a xornada parcial.
Así, subliñan que esa actividade "nin coincide coa propia do Sergas -a aconfesionalidade do Estado así o impide- nin o Sergas pode impartir ordes e directrices na súa execución, algo que só cumpre o bispo, que é, ademais, o que designa e cesa os capeláns".
O TSXG recalca que, "sen dúbida", as prestacións que derivan da asistencia relixiosa, ao ter natureza espiritual, son "alleas á competencia do Estado e, por iso, a súa fixación corresponde de forma exclusiva ás autoridades eclesiásticas, pois, noutro caso, estar a infrinxir o principio de laicidade do Estado".
O alto tribunal galego pronúnciase sobre o asunto nunha resolución na que, do mesmo xeito que o maxistrado do Xulgado do Social número 1 de Ourense, rexeita que a relación que manteñen catro capeláns do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que prestan os seus servizos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sexa de natureza laboral, tal e como demandaban os sacerdotes. Os maxistrados subliñan que "en ningún caso" poden ser considerados persoal laboral do Sergas.
Designados polo bispo de Ourense
Na resolución, o tribunal explica que, na súa condición de sacerdotes da Igrexa católica, foron designados polo bispo de Ourense para prestar atención pastoral e espiritual aos pacientes ingresados no CHUO.
Todo iso no ámbito do Acordo sobre Asistencia Relixiosa Católica en centros hospitalarios públicos, asinado polo Estado e a Santa Sé o 24 de xullo de 1985, así como polo Convenio Marco, de 2 de setembro de 1995, entre o Sergas e a representación dos bispos da Galiza.
"Trátase dun convenio que, sen dúbida, pode asimilarse á figura da contrata de servizos", explica o TSXG, á vez que resalta que o responsábel do pago dos salarios é o Sergas e que, en base a ese convenio, debería ser a Diocese a que confeccionase e abonase as nóminas. Con todo, até este ano, era o Sergas o que abonaba directamente as nóminas aos capeláns, algo que, segundo o TSXG, tratábase dunha "mera irregularidade formal" que foi corrixida.
Os xuíces aseguran que o feito de que o Sergas, que é o responsábel de pagar os salarios, llos aboase directamente aos sacerdotes, en lugar de pagarllos á Diocese para que esta llos ingresase aos capeláns, "non é máis que un suposto de incumprimento do acordo, pero, en ningún caso, supón a consideración dos capeláns como persoal laboral do Sergas, tendo en conta a inexistencia de fraude na contratación, contando a Administración cunha habilitación normativa expresa", subliña a Sala do Social do TSXG na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.