A cita é esta quinta feira, en Vigo, na Vía Norte e ás 18:30 horas. A manifestación nacional convocada por CIG. CCOO e UXT para reclamar do Goberno español o indulto para Carlos e Serafín, dous traballadores condenados a tres anos de prisión por participar nun piquete da greve do transporte en 2008.
Durante a rolda de prensa, o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, lembrou o “calvario xudicial” que están a padecer os dous afectados dende que hai xa máis de catro anos foron condenados a tres anos de cadea “sen que existise denuncia contra eles nin se constatasen danos materiais nin persoais”. Dende entón permanecen á espera de que o Consello de Ministros decida sobre a segunda petición de indulto, que evitaría a súa entrada en prisión, unha vez que lles foi denegada a primeira solicitude.
Gonçalves fixo fincapé no “clamor social” que existe a prol da medida de graza para estes dous traballadores, que se evidenciou tanto nas concentracións de apoio que se realizan cada mes como nas concorridas manifestacións que teñen tido lugar con anterioridade.