Taboada foi epicentro na madrugada do martes dun terremoto de magnitude 3,5 que se deixou sentor en boa parte de Galiza. Nun primeiro momento, situouse o sismo en Monterroso, na comarca da Ulloa, e indicouse que era de 4,1 na escala Richter, dos máis fortes que houbo en Galiza nestes anos. O sismo tivo lugar a 12 quilómetros de profundidade e rexistrouse no sureste desta vila. O tremor tivo lugar ás 02:28 horas da madrugada e notouse en boa parte da provincia de Lugo así como en diversas partes das da Coruña, Ourense e Pontevedra.
Máis de 400 persoas responderon ao longo destas horas o cuestionario macrosísmico do Instituto Xeográfico Nacional, ao que se pode acceder desde unha aplicación móbil, e a través do cal a poboación achega os detalles de como e onde sentiu o tremor producido polo terremoto.
Os servizos de emerxencias non teñen constancia de danos persoais e materiais. Nesta mesma madrugada tamén se rexistrou outro sismo en Galiza, desta vez no Courel, se ben dunha magnitude moito menor: 1,9 graos.
Según informaron a Europa Press na Rede Sísmica Nacional, rexistráronse 23 terremotos nesta mesma zona desde 21 de agosto de 2017, se ben só tres foron percibidos pola poboación.