Miles de persoas en defensa da sanidade pública galega (10.000 segundo a Policía local e 30.000 segundo os convocantes) mentres o presidente de Galiza estaba a 600 quilómetros participando nun acto partidista pola unidade de España. Escoitaríaos entre tanto ‘Puigdemont a prisión', ‘Viva España’ ou ‘Sánchez, Traidor’? Porque eses miles de galegos e galegas que este domingo encheron rúas e prazas da capital de Galiza tiñan mensaxes e recados para o que é o presidente galego: unha lista de tarefas a cumprir para reverter o deterioro no dereito á saúde. Que fará Feixoo?
Atención Primaria: A liña sanitaria máis afectada por recortes e cuxa precarización e deterioro afecta a todo o resto do sistema sanitario. “Se Atención Primaria colle frío, todo o sistema sanitario espirra”, resumira un profesional deste servizo. A dimisión a finais do ano pasado dos xefes de servizo da área sanitaria de Vigo obrigou a Xunta a mover ficha perante a evidencia da saturación deste servizo, non só nesa área sanitaria senón en todo o país. O Sergas iniciou un diálogo cos profesionais e comprometeu mellorar os contratos para dar máis estabilidade profesional así como outras medidas, como convocar 116 prazas para Atención Primaria na oferta pública de emprego para este ano. Desde o colectivo lembran que esas prazas son insuficientes para paliar as consecuencias destes anos de recortes en Galiza. Aliás, lembran que aquí dedícase 12% do orzamento sanitario a AP, cando a porcentaxe recomendada é o duplo, 25%.
Pediatría: Outra das reivindicacións presentes en cartaces e faixas na mobilización do domingo. Nos últimos meses houbo varias protestas e mobilizacións en diferentes partes de Galiza (O Salnés, Trives, Costa da Morte…) pola falla ou escaseza deste servizo. A Asociación galega en defensa da sanidade pública cifra en 40 as prazas de pediatría a crear. Desde a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria denúnciase que apenas hai xente para facer relevos y que por volta de 12% das prazas de pediatra están ocupadas por médicos de familia. A proposta do Sergas a finais do ano pasado de crear a figura do ‘pediatra de area’ tivo que ser retirada perante a oposición xerada.
PAC. Punto de Atención Continuada. Outra fronte importante que ten aberta o Sergas. O persoal protagoniza unha folga indefinida para pedir máis medios e material. O falecemento dun paciente sen asistencia médica no PAC da Estrada no verán puxo de relevo a precariedade da situación. Nas últimas xuntanzas entre comité de greve e Sergas houbo avanzos, pendenets de concretar nestes días. Porén, os traballadores e traballadoras dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da Coruña cualificaron como "insuficiente" o borrador da proposta presentada polo Sergas ao comité de folga na última xuntanza.
Ambulancias: Os 1.500 traballadores e traballadoras deste servizo en galiza están en greve por un convenio digno. Piden á Xunta que asuma as súas responsabilidades pois sacaron os contratos a concurso por debaixo do seu custo e aceptaron as propostas con baixa temeraria presentadas polas empresas para competir entre elas. A administración galega non move ficha, o que ten como consecuencia a continuidade na greve: do 8 ao 24 de febreiro e despois do 4 ao 10 de marzo para, se non hai acordo, volverse o paro indefinido.
Urxencias: Semanas de greve no servizo de Urxencias do CHUS compostelán, que toma o relevo aos protestos que nestes meses tiveron lugar noutros hospitais galegos. Demándase máis medios e persoal para poder prestar un servizo digno e de calidade. A última oferta do Sergas (aumentar persoal nalgún dos colectivos) non convenceu a maioría do cadro de persoal, que nunha votación apostou en manter a greve.
Áreas Sanitarias: Diferentes profesionais sanitarios e representantes de plataformas en defensa da sanidade pública (Manuel Martín, Manuel G. Moreira) teñen denunciado as consecuencias do cambio de modelo da Xunta, que suprimiu as áreas sanitarias do Salnés e o Barco. A Xunta non pensa recuar nesta decisión que, advirte a oposición, supón castigar e marxinar sanitariamente determinadas comarcas do país.