Nunha roda de prensa concedida esta sexta feira desde o Centro Sociocultural de Fontiñas de Compostela, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explicou que a convocatoria das protestas para o día 21 pretende "fortalecer alianzas entre traballadoras e poboación".
En principio, as mobilizacións serán ás 20 horas nos principais municipios e cidades en todas as áreas sanitarias. O portavoz da plataforma convocante incidiu en que haberá "servizos de orde para garantir que se respecten as medidas" de seguridade como as distancias e as máscaras.
Manuel Martín resumiu as reivindicacións en cinco puntos. O primeiro deles, a "necesidade de normalizar a actividade nos centros de saúde" e "garantir a asistencia presencial", ante a "hexemonía" do modelo telemático. Neste sentido, dixo estar "a favor da consulta telefónica", pero considera que a Primaria "se basea fundamentalmente no persoal sanitario e na poboación".
Así mesmo, a preguntas dos medios, puxo o foco en que a xeralización da atención telemática "pode supor un aumento das desigualdades" que afectan a persoas maiores e de rural. Tamén considera que este modelo que apoia a Xunta vai "beneficiar" o sector privado.
Na mesma roda de prensa estiveron presentes a secretaria de CIG-Saúde, María Xosé Abuín; a responsábel dos Servizos Sociais de CC.OO. en Galicia, Maica Bouza; a deputada autonómica do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Iria Carreira; e outro dos dirixentes de SOS Sanidade Pública, José María Dios.
Afrontar as listas de agarda
A segunda reivindicación para as mobilizacións do próximo 21 de abril é "un plan para afrontar as listas de agarda", cuxo dato "debe ser moi malo, porque a Administración aínda non as publicou". "Moito tememos que teñan unhas dimensións importantes que poden crear unha gran preocupación e alarma social", engadiu.
Ademais, as protestas reclamarán un "acceso universal" ás vacinas da Covid-19 e rexeitarán situacións que "atentan contra a dignidade das persoas". Para iso, o portavoz de SOS Sanidade Pública insistiu en que "hai que contratar máis persoal" e "ampliar" as instalacións sanitarias.
Manuel Martín tamén reclamou un aumento dos cadros de persoal sanitario e non sanitario e "acabar coa precariedade ". "Se non acabamos con esta situación, a Administración no só se vai enfrontar coa poboación, que está moi enfadada e frustrada, senón tamén co personal".
Lei Galega de Saúde
O quinto punto que xustifica as movilizacións é "o rexeitamento da reforma da lei galega de saúde", unha norma que nos últimos días volveu ao foco mediático debido ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central.
O portavoz de SOS Sanidade Pública afeaoulle á Xunta e ao PP de Alberto Núñez Feixoo que "aproveitara a situación de alarma" e que "a poboación está preocupada pola saúde" para introducir na lexislación "medidas de natureza represiva".
Pola súa parte, a secretaria de CIG-Saúde pon o foco en que, cando se fala de recuperar a normalidade na Atención Primaria "non é a normalidade que din o PP nin a Consellaría de Sanidade". "Non é seguir tendo axendas de 80 persoas citadas que non poden ser atendidas", engadiu.
Por iso, María Xosé Abuín redundou na necesidade dun "plan de reordenación de recursos humanos" que contemple a recuperación de vacacións e días libres "pendentes" do 2020.
A responsábel de CC.OO aproveitou para transmitir "que o persoal da sanidade non é o culpábel" do que ocorre nos centros de saúde, "a Consellaría de Sanidade e o presidente da Xunta aproveitan a escusa da pandemia mantendo a estrutura raquítica de persoal ".
Tras lo retratado polos sindicalistas, a deputada Iria Carreira quixo transmitir o apoio do BNG ao calendario de protestas, porque "é importante que a cidadanía saia á rúa a exixir o que ten por dereito: unha atención sanitaria de calidade e digna".