Máis unha xornada de denuncia ás portas dos hospitais galegos para transmitir a solidariedade do persoal sanitario a Teresa Romero, a técnica sanitaria contaxiada polo virus do ébola e ingresada no hospital Carlos III de Madrid.
Neste senso, traballador@s dos hospitais da Costa (Burela), o CHUS (Compostela), o CHUAC (A Coruña) ou do Meixoeiro (Vigo) amosaron o seu apoio á auxiliar de enfermaría atinxida polo virus do ébola mais tamén denunciaron a falta de medios e formación entre @s profesionais de Galiza. Así, algunhas das súas demandas puideron visibilizarse nos cartaces que portaban @s empregad@s nos que criticaban a "política de PPrevención" desenvolvida polas autoridades sanitarias e que se basea, din, nos recortes e privatización da sanidade pública.
O persoal sanitario denuncia a falta de "medios" e "formación" para facer fronte á enfermidade
Aliás, denuncian que as "charlas" informativas que están a recibidir proceden de persoas que "non manexan estes equipamentos" e mesmo que comezaron "a pasada semana" a desenvolvérense as aulas prácticas para coñecer o protocolo de actuación en caso de alerta nun hospital como o Meixoeiro que foi sinalado como hospital de referencia para atender enfermidades como o ébola.
"Non nos negamos a atender os doentes", sinala o persoal, mais si "a traballar nestas condicións", acrecentan. Segundo @s profesionais Teresa Romero "somos todos" pois, podería ter sido calquera persoa a que se contaxiase polo virus habida conta da escaseza de medios e formación.
"O Goberno dá máis medo que o ébola"
Demisións
Nas concentracións o persoal sanitario exixiu a demisión da ministra de Sanidade, Ana Mato, e da conselleira, Rocío Mosquera, argüíndo a súa "incompetencia" para xestionar a crise xurdida após a traída dos misioneiros para seren atendidos. Asemade, @s sanitari@s afirman que "o Goberno dá máis medo" que a propia enfermidade.