O portavoz de Medio Ambiente do PP no Parlamento Galego, Gonzalo Trenor, falaba recentemente sobre a “ampliación” e “optimización continuada” que está a facer Sogama e que, afirma, permitiría acadar o denominado ‘vertido cero’. Un termo para definir que só van a vertedoiro os residuos que non se poden aproveitar nin material nin enerxeticamente. De por parte, Sogama afirma na súa web que “persegue cuadriplicar a achega da empresa ao reciclado e desviar a vertedoiro só aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente” e tamén que “a economía circular incorpórase de cheo á filosofía empresarial da entidade”. Mais para Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Química na UDC e ex-presidente de Adega, “a realidade é moi diferente de como tratan de pintala”.
Así, Soto afirma que Sogama “reciclou unicamente 3% dos residuos que recibiu en 2015”. A comparación con Nostián e Barbanza é clarificadora, indica: en 2015, Sogama recuperou 11,7 quilogramos por habitante fronte aos 34,3 de Nostián e aos 57,1 da planta do Barbanza, sen contar a compostaxe nestas últimas dúas. “En 18 anos de funcionamento, e coas supostas melloras continuadas, Sogama apenas chegou a recuperar 10% dos residuos de envases xerados. Con este ritmo, tardarían máis de 120 anos en acadar 50%! Unha realidade que mostra o fracaso do modelo de recollida selectiva mediante o contedor amarelo de Sogama”.
Por iso, indica Soto, o concepto de “vertido técnico cero” é unha “invención que non responde á realidade: a incineración de Sogama xerou cada ano 42.000 toneladas de residuos perigosos, que non teñen outro destino que o vertido”. 23% dos residuos queimados acaban como cinzas ou escouras que andan a buscar vertedoiro por todo o país: Trazo, Lesta, Lousame...
Ademais, di o catedrático, Sogama emprega a atmosfera como vertedoiro: 1400 kg CO2/t lixo, “actuando como un dos principais focos de emisión de gases de efecto invernadoiro no país. A isto súmanse as emisións de gases ácidos, metais pesados e dioxinas, gravemente prexudiciais para a saúde”.