Máis de 3.000 exemplares de Ti contas, o suplemento sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza para promover O Diario galego, foron entregados a persoas que participaron da mobilización convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas 2018.
Trátase dunha publicación que recolle unha entrevista sobre O Diario Galego con Xoán Costa –presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A.-; outra con Martxelo Otamendi, o director de Berria, o diario vasco escrito integramente en euskera publicado seis días á semana; con Esther Vera, a directora de Ara, diario en catalán, e outra con Mário Ramires, director do diario portugués i, que se publica cinco días á semana.
Ademais, o monográfico recolle a intervención da xornalista Tareixa Navaza no acto de presentación de O Diario Galego, o 27 de xaneiro, en Compostela; unha peza da catedrática da USC Margarita Ledo sobre medios e identidade baixo o título “Un Diario en Galego? Si, Grazas?”; un artigo do xornalista Erik Dobaño sobre o sistema de medios da Galiza, “Outra Prensa é Posíbel. E Necesaria”; unha colaboración do catedrático da USC Xosé López sobre o panorama mediático actual, baixo o título, “Un Sistema Mediático en Mudanza. Os Actores dun Modelo inacabado”, e un estudo do xornalista Manuel Vilas sobre subvencións, “Quen Paga, Manda. Subvencións, Convenios e Publicidade”.
Este monográfico foi entregado tamén xunto ao semanario Sermos Galiza 296, xa nas casas de persoas subscritoras e á venda nos quiosques e na loxa. O suplemento repartirase de balde nos actos de presentación de O Diario Galego que Sermos Galiza organizará ao longo do país.
[Se queres pre-subscribirte a O Diario Galego podes facelo a través desta ligazón. Lembra que só che cobraremos o ano que vén, unha vez confirmadas as 3 mil subscricións necesarias para facer este diario unha realidade]