Analizar o presente en chave de futuro é, sen dúbida, un dos principais obxectivos de Sermos Galiza, que neste 2022 fará 10 anos. Aliás, o semanario chegará no sábado ao seu número 500. Sermos Galiza leva unha década informando acerca de incontábeis temáticas de relevo e importancia para a Galiza con reportaxes sobre cultura, ciencia, investigación, sectores produtivos...
Tamén, nos millares de páxinas publicadas no semanario ao longo destas 500 edicións, as lectoras e lectores tiveron a oportunidade de ler entrevistas a persoas de gran relevancia e interese para o país.
É por estes motivos que non podiamos deixar pasar por alto a efeméride que supón o aniversario do Sermos. Para o número 500, que poderá encontrar xunto con Nós Diario o vindeiro sábado día 7 de maio, o semanario achega 10 entrevistas en 56 páxinas a persoas pertencentes a diversos ámbitos da sociedade galega. Xente nova, os alicerces do futuro dun país e que achegan as súas perspectivas e puntos de vista sobre os seus sectores.
Entre as persoas entrevistadas para esta edición especial do Sermos Galiza, encóntranse Iago Valverde, arquitecto e colaborador do semanario e que afondará na arquitectura galega actual e a súa "boa saúde".
Daniel González Palau, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e experto en relacións internacionais, aborda a situación da Galiza nun mundo cambiante.
Adrián Dios será outro dos entrevistados. É profesor de Historia Económica Mundial na USC e analizará o ámbito da enerxía e as crises financeiras, dúas cuestións chave de grande interese para a Galiza.
A quinxentésima edición do Sermos Galiza tamén contará con Iria Veiga, médica psiquiatra e divulgadora científica, que afondará na problemática da saúde mental así como dos retos de futuro que enfronta a ciencia e a medicina.
O biólogo lugués Roi Cuba, presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), relatará o legado do movemento ecoloxista galego a través das súas loitas históricas e analizará a situación en que se atopa a Galiza ante a proliferación de parques eólicos en territorio de especial interese ambiental ou ante do cambio climático.
O músico Alejandro Guillán, 'Baiuca', repasará a súa traxectoria e analizará diferentes trazos da súa música que recolle o valor do tradicional e mestura con novas sonoridades.
Continuará o Sermos coa entrevista a Elsa Quintas, avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística. Con ela abórdase a situación da lingua galega e a vulneración dos dereitos lingüísticos, principalmente no que ten a ver coa Administración e os poderes públicos.
A escritora Arancha Nogueira será outra das entrevistadas. Relatará as súas perspectivas sobre a literatura galega actual e os retos de futuro.
Pola súa parte, a actriz Melania Cruz analizará a situación do teatro e cinema galegos e as necesidades do sector.
Por último, a futbolista Paula Domínguez 'Pauleta' relatará as súas experiencias no deporte e abordará o machismo que se sofre no fútbol e a loita das mulleres para vencelo.
Pode formar parte dun proxecto innovador para que flúa a información en galego e de calidade: Subscribirse é a mellor forma de apoio ao proxecto informativo galego que representamos,