O Sergas admite que contratou médicas e médicos de familia e pediatras na área de Santiago sen que estes tivesen o título de especialista requirido para exercer nesas especialidades. Fíxoo apenas horas despois de que o sindicato CESM denunciase a existencia destas contratacións, que cualificou de ilegais, temerarias e imprudentes.
Os títulos de especialidade de medicina familiar e comunitaria, así como de pediatría, son requisito imprescindíbel para poder exercer, lembra o CESM, que fala de contratacións presuntamente irregulares.
Desde o EOXI (Estrutura organizativa de xestión integrada) de Santiago alegaron que esas contratacións foron “excepcionais” e comprometéronse a solucionar a situación.
Non é esta a primeira vez que o Sergas está baixo os focos por este tipo de actuacións. En 2009 persoal médico denunciou a contratación irregular de especialistas estranxeiros.