O sector bateeiro exixe a devolución das zonas vetadas

Máis dun cento de bateeiros rodearon esta quinta feira as oficinas da Xunta da Galiza en San Caetano para protestar pola delimitación das zonas habilitadas para recoller cría de mexillón imposta pola Consellaría do Mar. Unha restrición, estiman, que vai supor unha mingua de até 50% na produción en 2024.
Mexilloeiros protestando onte en San Caetano contra os límites á recollida de mexilla. (Foto: Arxina)
photo_camera Mexilloeiros protestando onte en San Caetano contra os límites á recollida de mexilla. (Foto: Arxina)

Os produtores de mexillón volvéronse mobilizar por sorpresa. Coincidindo coa reunión semanal do Goberno galego, coches e furgonetas, algúns deles con lanchas nos remolques, concentráronse esta quinta feira nas inmediacións da Xunta en San Caetano por segunda vez este mes de marzo para solicitar a devolución das zonas de extracción de mexilla que a Consellaría do Mar acordou vetar por decreto en 2019, 16% da costa, acoutada para o percebe.

Os bateeiros piden recuperar a xestión da cría de mexillón e a totalidade das áreas prohibidas, xa que a falta de acceso no último ano comeza a afectar á produción. O sector asegura que a campaña actual está "totalmente perdida por non meter mexilla o ano pasado" e prognostica de cara a 2024 unha mingua de entre un 40 e un 50%.

Sen acceso á cría ficamos sen produción: nós, cocedoiros, depuradoras e demais

O problema é de sobras coñecido, afirma a Nós Diario Álex Tubío, voceiro da Federación Arousa Norte. Alude ao texto aprobado pola Xunta para garantir a explotación do percebe que limita a extracción de mexilla, "de tal forma que as principais zonas de traballo para nós quedáronnos prohibidas". E sen acceso á cría, di Tubío, "ficamos sen produción: nós, cocedoiros, depuradoras e demais". O problema "é moi gordo e afecta as principais industrias", o que motivou a apertura por parte da Consellaría do Mar de zonas novas para a recollida de mexilla

Novas zonas de extracción

Habilitou 120 quilómetros de porto, e hai 15 días, entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa en bancos naturais que buscan paliar a escaseza de cría de mexillón. Para o sector é unha medida "provisional e extraordinaria" que non vai solucionar o problema a longo prazo, xa que están a abrir "zonas que non ten mexilla ningunha".

Levamos 70 anos collendo a cría na mesma zona e neste tempo non apareceu un só percebe en ningún saco de crías

Tubío apela á experiencia dos produtores. "Levamos 70 anos collendo a cría na mesma zona e neste tempo non apareceu un só percebe en ningún saco de crías". Desta forma rexeita as queixas dos produtores de percebe que piden respectar de forma escrupulosa os plans de xestión deste crustáceo e afastar a recollida de mexilla dos seus bancos máis significativos. "Pero xa se viu, a confraría de Bueu anunciou hai pouco que ía pedir un paro biolóxico remunerado porque tiveron a peor campaña de percebe da historia xusto o ano no que nós non puidemos traballar alí". 

Convivencia controlada

Desde Muxía, Santiago Pérez Haz, presidente da Asociación Percebe da Barca, defende que a extracción de mexilla e a produción de percebe pode ser compatíbel en zonas de "calidade media" do crustáceo como a que acaba de abrir alí, mais sen presenza ningunha de bateeiros "porque non hai cría". De habela, pide que se retire baixo un control rigoroso.

Non queremos que nos toquen as zonas de calidade alta do percebe. Iso non é discutíbel

"Os que veñan teñen que ter permiso, pesar ben a mexilla que levan e cambiar a forma de traballar, porque non poden arrancar todo". O que non queren "é que nos toquen as zonas de calidade alta do percebe. Iso non é compatíbel nin discutíbel".

Este sábado, 25 de marzo, debaterano na xuntanza convocada polas confrarías da Galiza no Milladoiro (Ames).

Comentarios