A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou que a Sub-delegación do Goberno do Estado en Lugo mantén “a súa persecución política intentando amordazar o traballo do colectivo “. A Plataforma cuestiona o proceder da Subdelegación, pois “mantén dúas sancións de 750 euros” cada unha a participantes nunha concentración que decorreu en Burela o 2 de marzo.
“Tampouco tivo en conta as provocacións de persoas asistentes ao congreso provincial do Partido Popular que levantaron os ánimos de moita xente a unha concentración ruidosa – xa que se trataba dunha cacerolada – pero pacífica”.
"Houbo provocacións de asistentes ao congreso provincial do PP, con acenos, insultos e guindando moedas"
Cuestionan tamén o despregue policial efectuado na data da concentración por entender que era “exaxerado” e sinalan que foron " moi rápidos para presentar denuncias contra os convocantes e pasivos diante das provocacións dos asistentes ao congreso do Partido Popular con xestos, insultos ou lanzamento de moedas a preferentistas que non constan no expediente"
Nunha reunión realizada a principios desta semana, acordaron presentar recurso de alzada contra as sancións. “De non prosperar so quedaría a vía do contencioso rematando o procedemento administrativo”, polo que en paralelo iniciarán unha campaña de recollida de apoios económicos que axuden a evitar o intento de anular e amordazar a nosa actividade.
Asemblea de Riotorto
Na xuntanza tamén se informou sobre o contido da asemblea celebrada pasado sábado en Riotorto á que acudiron varias plataformas sanitarias e múltiples colectivos e organizacións “preocupadas polo desmantelamento e privatización do sistema sanitario público”. A Plataforma acordou "apoiar todas as iniciativas dirixidas a parar o proceso de degradación e privatización iniciado polos gobernos do Partido Popular" que responde unicamente a impoñer o modelo ideolóxico neoliberal dirixido á eliminación do estado social.