Sanidade non descarta endurecer as restricións en Vigo e Pontevedra

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
A evolución epidemiolóxica negativa das cidades sen nivel máximo de restricións pode levar ao Comité Clínico a recomendar medidas de prenvención máis severas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avoga por "esperar un tempo" coas novas medidas acordadas pola Xunta da Galiza para o conxunto do territorio en vigor antes de estudar propostas máis restritivas no transcurso do comité clínico que vai ter lugar a próxima terza feira, 19 de xaneiro.

As medidas de prevención "tardan un tempo en dar resultados", recalcou o conselleiro a preguntas dos xornalistas durante a presentación do proxecto do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia que se vai facer en Vigo ao longo de 2021.

"Imos confiar nas medidas, imos esperar", insistiu o titular de Sanidade, "a condición de que os parámetros se manteñan en valores razoábeis". En calquera caso, matizou, "se hai que adoptar algunha medida adicional, o comité clínico proporíaa".

As novas restricións entraron en vigor na medianoite da pasada sexta feira tras a manifesta aceleración da pandemia en todas as áreas sanitarias. Porén García Comesaña referiuse ao caso particular de Vigo e Pontevedra que, a canda a cidade de Lugo, non se atopan no nivel máximo de limitacións, senón no medio-alto.

Sobre a posibilidade de que Vigo ingrese no nivel máximo,co feche do interior dos locais de hostalaría, tras a próxima reunión do Comité Clínico, o conselleiro sinalou que os seus datos epidemiolóxicos "fan pensar que sexa así", aínda que non se trata dunha decisión "automática".

Toque de recoller

Entre as novas medidas acordadas polo Goberno galego está o adianto do toque de recoller ás 22 horas, dentro do estabelecido no actual decreto de estado de alarma. En consonancia coas demandas doutros territorios estatais, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que ve "razoábel" que as comunidades poidan situalo antes e mesmo que puidan decretar confinamentos domiciliarios sempre que así o recolla a norma.

Neste sentido, o Conselleiro de Sanidade dixo que o Goberno debe "pór enriba da mesa ferramentas" para as autonomías. "Anticipar o horario do toque de recoller pode ser de interese e cremos que debe estar dispoñíbel para que, en función da situación epidemiolóxica de cada territorio, se poida axustar".

A este respecto, o ministro Salvador Illa sinalou este sábado que está disposto a revisar os horarios do toque de recoller malia insistir en que confía nos instrumentos do actual estado de alarma mais na cogobernanza para dobregar a terceira vaga do coronavirus.