Rosalía de Castro e o Río Sar son os claros vencedores da votación online para elixir o nome dunha estrela e dun planeta, dentro do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU). Baixo o nome ‘NameExoWorlds’, asignouse a cada estado, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e un planeta que a orbita para que se lles dese un nome a través da participación cidadá. No caso do estado español, votouse entre unha ducia de propostas sendo as gañadoras (entre os máis de 34.000 votos) Rosalía de Castro e Río Sar. Desde agora, a estrela HD 149143 e o seu planeta HD 149143 b.
A proposta naceu da Agrupación Astronómica Coruñesa IO. Esta parella de nomes obtivo na votación exactamente 13.413 votos, máis dun 39% do total.
Unha estrela amarela e un planeta xigante gaseoso
O sistema ‘Rosalía de Castro’ e ‘Río Sar’ atópase na constelación de Ofiuco (o encantador de serpes). A estrela até o de agora coñecida como HD 149143, forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, compilado a principios do s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e colaboradoras do Observatorio de Harvard (EUA). É unha estrela amarela anana (de tipo espectral G0), similar ao sol, e que está a 240 anos-luz da Terra.
O exoplaneta HD 149143 b, desde agora ‘Río Sar’, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Franza) coa técnica de espectroscopia Doppler ou método de velocidade radial. É un planeta de tipo xigante gaseoso, e a súa masa é, como mínimo, 1.33 veces a de Xúpiter.