Os obxectivos principais deste proxecto son, entre outros, visibilizar proxectos feministas que se están desenvolvendo en Galiza, poñer en común experiencias e persoas que comparten o feminismo como ferramenta para acadar a igualdade e implicar a diferentes colectivos, mulleres e institucións públicas na difusión da mensaxe da igualdade e do feminismo.
A I Feira Feminista contará coa presenza dunha longa lista de entidades e organizacións que traballan con perspectiva de xénero no ámbito social, cultural e educativo en Galiza. Así, estarán nos postos da Praza 8 de marzo a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as revistas Revirada e Andaina, diferentes organizacións sindicais, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, o Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Festival Agrocuir da Ulloa etc.
Abrirá o programa, ás 12 da mañá, a realizadora e actriz Sonia Méndez cun pregón feminista amenizado polo grupo local de Falapandeireta Erikas e Peluxías e polo grupo de música tradicional A Subela e, ademais dunha degustación de vermús con versos feministas que terá lugar en varios locais da vila antes do xantar, haberá tempo para varios talleres sobre autocoñecemento e sexualidade con Martina González Veiga
A partir das 21 horas terá lugar unha Verbena feminista na que Touciño Blúes e as Punkiereteiras pecharán a xornada na Praza 8 de marzo.