Foi unha concentración de denuncia, de rexeitamento, mais tamén de alerta. Un chamamento de atención á cidadanía, ás institucións públicas, os gobernos e os colectivos e organizacións políticas e sociais para poren o foco sobre a violencia exercida contra as mulleres.
Vigo, Ferrolterra, Coruña, Compostela e Ourense acolleron senllas concentracións a partir das 20h desta quinta feira como parte do protocolo de acción que durante moito tempo vén despregando o movemento feminista galego perante os feminicidios. Tomar as rúas para condenar máis un asasinato, o de Sara Fernández en Pazos de Borbén, mais tamén o de Verónica Frías en Málaga.
Os dous últimos nomes que se suman á longa listaxe de mulleres asasinadas nestes 7 meses de 2014. Só en Galiza, seis. "Non estamos todas, faltan as mortas", corearon as manifestantes en rúas e prazas. Unha consigna que se repite en cada concentración.
Con cartaces e faixas que lembraron o poder social contra a violencia, o machismo e a desigualdade, distintas organizacións feministas lanzaron un berro unánime para actuar e tomar as medidas necesarias que impidan continuar a sumar máis mulleres asasinadas.