De acordo cos últimos datos achegados por Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, hai 14 casos activos menos fronte á xornada anterior, mentres que aumentan os pacientes curados, 152 máis respecto á terza.
A Coruña e Vigo mantéñense como as áreas que rexistran máis casos activos, 783 e 627 respectivamente; seguida de Santiago, con 270; Pontevedra con 229; Lugo, con 169; Ourense con 142 e Ferrol, con 120.
Hospitalizacións
Na da Coruña e Cee están 14 pacientes Covid en UCI -un menos- e mantéñense en 57 os que se atopan noutras unidades; na de Santiago e Barbanza son tres en críticos -un máis- e soben a 17 os que están noutras unidades -dous máis- mentres que na de Lugo hai dúas en UCI -sen cambios- e 10 noutras unidades -sen cambios-.
Na de Ourense hai un paciente Covid en UCI -un menos- e baixan a 17 as persoas ingresadas noutras unidades -un menos-; mentres que na de Vigo mantéñense en cinco os críticos e aumentan os hospitalizados, de 39 a 43.
En canto á área de Pontevedra e O Salnés, hai un paciente en UCI -un menos- e soben a 21 os doutras unidades -tres máis-; mentres que na de Ferrol son seis persoas en unidades de hospitalización convencional con Covid -catro menos- e hai dous en UCI -sen cambios-.
Menos casos activos
Segundo os datos actualizados na quinta feira, os casos activos de Covid descenden lixeiramente, ao pasar de 2.354 a 2.340 -14 menos-, cun incremento dos curados (152 máis), aínda que tamén cun aumento dos contaxios (138 máis).
Os casos activos mantéñense igual, respecto dos datos achegados en relación á terza feira, na área sanitaria de Lugo, con 169, mentres aumentan nas de Santiago, pasando de 268 a 270, e na de Vigo que pasa de 619 a 627. Pola contra, descenden na da Coruña, onde pasa dos 791, contabilizados segundo datos aos 783 do mércores; na de Ferrol, de 131 a 120; a de Ourense, de 145 a 142 e a de Pontevedra de 231 a 229.
Taxa de positividade
Dos novos contaxios, 120 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, dos que 35 corresponden á área da Coruña; tres á de Ferrol; nove á de Lugo; cinco á de Ourense; 17 á de Pontevedra e O Salnés, 12 á de Santiago e Barbanza e 39 á de Vigo.
Até a data da última actualización de datos, o Sergas levou a cabo 1.858.417 PCR, que supoñen 6.531 probas máis que a xornada anterior. No relativo á taxa de positividade baixou a un 1,5 após ter repuntado a un 3%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca para dar por controlada a pandemia.
Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron na Galiza 2.342 persoas diagnosticadas co coronavirus, após unha xornada da cuarta feira sen mortes.